Novas

Así foi o acto de entrega dos II Premios Mil Primaveras

06/xuñ/2021

O pasado sábado, 5 de xuño, o Teatro Principal de Pontevedra acolleu o acto de entrega da segunda edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e, para o acto de entrega, tamén do Concello de Pontevedra.

Conduciron o acto Bea Campos e Manuel Pombal, de Migallas Teatro, que explicaron con anécdotas e experiencias os obxectivos dos premios e cada unha das categorías propostas nas bases. Logo da lectura da acta pola presidenta do xurado, Mónica Fernández Valencia, sucedeuse a entrega dos seis premios concedidos mais a mención especial:

 

Enreguéifate e Regueifesta

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o proxecto conxunto Enreguéifate e Regueifesta, que desenvolven os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os promotores da Regueifesta. O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral. Tamén se valorou que é unha iniciativa que cada ano ten maior proxección, cunha imaxe moi coidada, atractiva e fresca. Así mesmo, recoñeceuse a importancia de que sexa un proxecto onde colaboran diferentes servizos de normalización lingüística e que implica de forma especial os centros educativos.

Recolleron o premio Adelina Ces Quintáns (Concello de Raianxo), Rubén Prol Mariño (Concello de Santiago de Compostela), Escarlata Pampín (Concello de Ames), Séchu Sende (Regueifesta) e Iria Otero (Concello de Teo). Entregouno Paula Soto Viñas, técnica de normalización lingüística e vogal da CTNL.

 

Galeguiza-T

Galeguiza-T foi escollido como mellor proxecto novo. O xurado destacou o gran traballo de base e que sexa unha iniciativa creada desde e para a mocidade, a través das súas propias redes de comunicación e incidindo nos seus temas de interese. Tamén se tivo en conta a calidade do aspecto comunicativo, a metodoloxía de traballo e a innovación e modernidade do proxecto. Valorouse especialmente que transcendese o labor nun só centro e buscase implicar a mozos e mozas doutros centros, grazas ao traballo entre iguais.

Recolleu o premio Alberto Pombo da man de Eloi Gestido de la Torre, membro do xurado e coordinador do proxecto Falemos de ti e min, premiado na mesma categoría na primeira edición.

 

Dígocho Eu

Dígocho Eu (CRTVG) foi escollido nos II Premios Mil Primaveras como o proxecto coa mellor comunicación e impacto social. O xurado destacou a súa frescura e influencia no conxunto da cidadanía. Así mesmo, apreciou a boa imaxe desta iniciativa, a súa efectividade e utilidade práctica e que resulta motivadora para as persoas destinatarias. Na vertente comunicativa, salientou a constancia do proxecto (coa publicación dun vídeo diario), a adaptación á actualidade e os diversos formatos e canles, que permiten chegar a un maior público e conectar facilmente coa infancia e a mocidade.

Recolleron o premio Rocío Pérez, Carlos F. Amado e Esther Estévez (lingüista, director e presentadora respectivamente do Dígocho Eu) e entregouno Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra.

 

Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega

O Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo conseguiu adaptarse ás circunstancias da pandemia e converteuse no proxecto máis innovador dos II Premios Mil Primaveras. Para fomentar o galego desde un centro de ensino secundario con todo o alumnado confinado nas súas casas botaron man da imaxinación e crearon un proxecto cuxo obxectivo era a transición cara a unha nova normalidade lingüística a través dun plan gradual, asimétrico e coordinado en catro fases. O xurado destacou a boa planificación, a definición de obxectivos e fases do proxecto e a orixinalidade da adecuación de ferramentas e recursos coñecidos a unha situación singular.

Recolleron o premio Sonia Gómez Castro, Neves Rodríguez e Nel Vidal Barral da man de Mónica Fernández Valencia, presidenta do xurado e coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, premiado na mesma categoría na primeira edición.

 

Projeto Educativo Semente

O premio da categoría destinada á infancia e mocidade recaeu no Projeto Educativo Semente, que coas súas escolas en Compostela, Vigo, A CoruñaLugoTrasancos constitúe un proxecto integral, ambicioso e esperanzador para o futuro da lingua, que logrou cubrir un oco, a inmersión lingüística, que a iniciativa pública deixou de lado. O xurado destacou que é un proxecto moi completo, que se espalla polo territorio e que medra en niveis educativos. Tamén recoñeceu a importancia de traballar a autoestima lingüística das crianzas con metodoloxías innovadoras e a elaboración de recursos de calidade para o proxecto educativo.

Recolleron o premio Santiago Quiroga García e os alumnos da Escola Semente Mateo e Telmo. Entregouno Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística e vogal da CTNL.

 

Galegoempresas

Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. Foi escollido como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. A boa xustificación da necesidade desta iniciativa chamou a atención do xurado, que destacou que con ela se promove o uso do galego en diferentes ámbitos: laboral, comercial, empresarial… Así mesmo, valorou a ferramenta de autodiagnose das propias empresas, o que permite que elas mesma reflexionen sobre a súa política lingüística e avancen conscientemente nun maior uso da lingua. Tamén se salientou a boa comunicación e a dotación de recursos para as empresas.

Recolleron o premio Óscar Maceiras e Xaquín Loredo (Ágora Aberta), Escarlata Pampín (Concello de Ames), Rubén Prol Mariño (Concello de Santiago de Compostela) e Iria Otero (Concello de Teo). Entregouno Isabel Valiño Ferrín, coordinadora dos equipos de dinamización da lingua galega de Pontevedra, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

O galego, a miña lingua propia

O xurado recoñeceu cunha mención o proxecto O galego, a miña lingua propia do SNL da Deputación Provincial da Coruña, por consideralo un proxecto de calidade que pode servir de estímulo e modelo para outras administracións (deputacións, concellos…), adaptándoo e redimensionándoo de acordo co contexto.

Consistiu nunha actividade de tipo lúdico que foi acompañada dunha charla de carácter sociolingüístico orientada a favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio, a estima e valorización individual e social deste e o combate aos tópicos e prexuízos que afectan á súa normalización social. A actividade foi impartida por persoas de recoñecido prestixio que destacan no mundo do deporte, da música, da literatura, das redes sociais, do cine, da moda, da pintura ou do teatro. A actividade foi organizada polo SNL da Deputación Provincial da Coruña e desenvolvida en diferentes centros educativos da provincia grazas á colaboración da rede de SNL dos concellos coruñeses. 

Recolleu o premio María Muíño, deputada de Normalización Lingüística, da man de Anxos Sobriño, presidenta da CTNL.

 

Os galardóns

Os seis proxectos premiados recibiron un galardón identificativo dos II Premios Mil Primaveras: unha peza artística elaborada coas técnicas tradicionais do cartón pedra e papel machucado, creada totalmente á man con materiais de expurgo cedidos pola Biblioteca de Rianxo. O trofeo é obra da artesá Electra Menéndez, responsable do obradoiro Pedras de Papel, un proxecto que busca actualizar a nosa herdanza cultural dun xeito creativo, centrado na elaboración de creacións en cartón pedra, na formación e na dinamización cultural. No seguinte vídeo descríbese a elaboración das pezas:

O proxecto recoñecido coa mención especial do xurado recibiu un diploma acreditativo.

 

En representación do Concello de Pontevedra, entidade anfitrioa, pechou o acto de entrega de premios Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, quen salientou os méritos de cada un dos proxectos premiados e felicitou as persoas responsables.

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta segunda edición xunto cos recoñecidos na primeira, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Galería de fotos

Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra
Foto: Concello de Pontevedra

Noticias relacionadas