Novas

O VI Premios Mil Primaveras (2024) serán escollidos entre 36 candidaturas presentadas

04/feb/2025

Desde o 16 de outubro de 2024 ata o pasado venres estivo aberta a convocatoria dos VI Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, que teñen como fin recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Nesta sexta edición recibíronse un total de 36 candidaturas de servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, universidades, asociacións e outras entidades.

Das propostas candidatas, sete foron inscritas por servizos de normalización lingüística de entidades locais e universidades, oito son accións desenvolvidas en centros educativos e 21 foron presentadas por outras entidades públicas ou privadas ou son iniciativas de particulares.

Entre as campañas presentadas, 26 iniciáronse nos últimos cinco anos, aínda que tamén hai proxectos consolidados con ampla traxectoria.

O público destinatario das accións candidatas é principalmente a mocidade e a infancia. Tamén é destacable o aspecto colaborativo en moitas das campañas presentadas.

A CTNL nomerá nos vindeiros días o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta nova edición. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación.

O xurado escollerá ata catro campañas sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen, tal e como establecen as bases desta edición. Nas súas deliberacións terá en conta:

  • A calidade da planificación do proxecto, coa axeitada determinación de obxectivos, destinatarios/as, accións, necesidades e recursos, temporalización
  • A execución e desenvolvemento adecuado das medidas e actuacións
  • A innovación do proxecto, a capacidade de incidencia e o impacto positivo para a lingua
  • A calidade e atractividade da comunicación, deseño, imaxe, materiais, etc.
  • A axeitada avaliación
  • A eficiencia do proxecto

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.

Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os 28 proxectos recoñecidos nas edicións anteriores. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de comunicación da CTNL (redes sociais, web etc.).

 

Os VI Premios Mil Primaveras (2024) promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

 

Noticias relacionadas