A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os IV Premios Mil Primaveras (2022) coa finalidade de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio, en xeral ou en ámbitos determinados. Deste xeito, preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal valorizar e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio, en xeral ou en ámbitos determinados, que foron e/ou son desenvolvidos por servizos de normalización lingüística de administracións públicas e entidades privadas, por equipos de normalización e dinamización da lingua galega dos centros de ensino, por asociacións ou outras entidades públicas ou privadas e por particulares, e que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Nos Premios Mil Primaveras non se admiten proxectos sen executar. Tampouco se poden presentar aos IV Premios Mil Primaveras (2022) proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.
Na cuarta edición dos Premios Mil Primaveras, como novidade, desaparecen as categorías en que se clasificaron os preios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.
No entanto, a desaparición das categorías non impedirá recoñecer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, pois o xurado poderá ter en conta proxectos novos ou estabilizados, dirixidos á infancia ou á modidade, que traballen a promoción do galego nun ámbito sectorial etc.
A inscrición de proxectos para optaren aos premios debe facerse a través do formulario habilitado na pestana Inscricións.
A inscrición ten que facela a entidade ou a persoa responsable da acción, campaña, programa ou proxecto, que deberá detallar os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación. Cada acción, campaña, programa ou proxecto debe ser inscrito por separado pola entidade ou persoa responsable, que poderá rexistrar cantas propostas queira, sempre que sexan da súa responsabilidade e cumpran os requisitos da convocatoria.
No documento que describa o proxecto de forma detallada deben incluírse as seguintes epígrafes:
Os proxectos que sexan escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades responsables.
O prazo de inscrición nos IV Premios Mil Primaveras (2022) estará aberto do 21 de setembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.
O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación, e será nomeado pola CTNL. Poderán formar parte do xurado persoas responsables de proxectos premiados en edicións anteriores.
Os premios non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e difusión das campañas como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.
Tamén incluirá a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación. A relación de proxectos premiados darase a coñecer con antelación a ese acto.