Os premios

Premios Mil Primaveras

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Con eles preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Os obxectivos dos Premios Mil Primaveras son:

  1. Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
  2. Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
  3. Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
  4. Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

 

 

Categorías e número de premios

Nas tres primeiras edicións dos Premios Mil Primaveras, concedéronse en seis categorías co fin de abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado
  • Premio ao mellor proxecto novo
  • Premio á mellor comunicación e impacto
  • Premio ao proxecto máis innovador
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.)

A partir da cuarta edición desapareceu a clasificación en categorías e concédese un máximo de catro premios para accións, campañas, programas ou proxectos que teñan como obxectivo a promoción do uso e o prestixio da lingua, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios concedidos.

Os premios outórganse entre os proxectos presentados polas entidades ou persoas que os desenvolveron. Non se premian nin entidades nin traxectorias, senón accións, campañas, programas ou proxectos concretos e xa realizados.

Os premios non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e difusión das campañas como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.

Os Premios Mil Primaveras son unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e contan coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.