No ámbito da normalización lingüística existen outros premios que recoñecen traxectorias individuais ou colectivas, que valoran o uso consciente e modélico da lingua en determinados ámbitos ou que galardoan traballos ou proxectos concretos. Algúns destes premios son:
Premio San Martiño de Normalización Lingüística
- Convoca: Asociación Cultural O Bardo (A Estrada) e Concello da Estrada.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego.
- Ten tres categorías: A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes, Galicia enteira e labor de toda unha vida.
- Candidaturas: son escollidas polo xurado.
- Premio: elemento simbólico de carácter artístico, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a trixésimo terceira edición.
Premios de Publicidade en Galego
- Convocan: Secretaría Xeral de Política Lingüística, Parlamento de Galicia e Foro Enrique Peinador.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: empresas anunciantes, axencias de publicidade e centros educativos.
- Ten cinco categorías: segundo o medio de difusión (radio, televisión, Internet ou prensa escrita) e un premio extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos.
- Candidaturas: preséntanas as entidades candidatas.
- Premio: unha certificación e unha obra artística.
- Edicións: en 2021 tivo lugar a vixésimo oitava edición.
- Máis información: convocatoria da vixésimo oitava edición.
Premios Lois Peña Novo
- Convoca: Fundación Lois Peña Novo.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: persoas, empresas ou entidades públicas que traballen a prol da difusión e normalización da lingua galega.
- Entréganse anualmente tres premios.
- Candidaturas: son escollidas polo xurado.
- Premio: medalla e diploma, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a vixésimo sétima edición.
- Máis información: información sobre os premios concedidos.
Premios Manuel Beiras ao Uso do Galego na Empresa
- Convocan: Concello de Santiago de Compostela e Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: empresas radicadas no concello de Santiago de Compostela, tanto as que teñen a súa sede social no municipio como as que realizan unha importante actividade nel.
- Ten tres categorías: empresa cun uso continuado da lingua galega, empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega e empresa innovadora no uso do galego.
- Candidaturas: poden presentalas as propias empresas ou terceiras persoas.
- Premio: elemento simbólico de carácter artístico, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a vixésimo cuarta edición.
- Máis información: web do premio.
Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras
- Convocan: Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: membros da comunidade universitaria galega, así como dos seus respectivos centros adscritos.
- Ten dúas categorías: deseño dunha campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal e que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario e idea que explique razoadamente unha proposta cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do galego no ámbito universitario.
- Candidaturas: as propias persoas interesadas presentan os proxectos.
- Premio: dotación económica e posibilidade de desenvolver a campaña ou idea premiada.
- Edicións: en 2018 tivo lugar a décimo quinta edición.
- Máis información: convocatoria da última edición.
Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores
- Convoca: Concello de Carballo.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: calquera persoa sen límite de idade ou nacionalidade.
- Unha única categoría, aínda que poden concederse accésits.
- Candidaturas: as propias persoas interesadas presentan os textos candidatos.
- Premio: dotación económica e publicación en nove medios de comunicación.
- Edicións: en 2018 tivo lugar a décimo cuarta edición.
- Máis información: bases da última edición e relación de artigos premiados en edicións anteriores.
Premio Xoán Manuel Pintos ao Compromiso coa Lingua
- Convoca: Concello de Pontevedra.
- Convocatoria: bianual
- Destinatarios/as: persoas, empresas, asociacións ou entidades de toda Galicia mais con incidencia no concello de Pontevedra.
- Ten desde o ano 2018 tres categorías: traxectoria na promoción e normalización da lingua galega ou promoción de actividades que implicasen o espallamento da lingua galega durante os últimos dous anos; promoción e normalización da lingua galega ou de actividades que implicasen o espallamento da lingua galega dun xeito continuado ao longo da súa traxectoria profesional e/ou vital; e promoción e normalización da lingua galega ou de actividades que implicasen o espallamento da lingua galega entre as candidaturas propostas pola cidadanía.
- Candidaturas: escólleas o xurado salvo na terceira categoría, que se elixe entre as propostas de terceiras persoas.
- Premio: pergameo; sen dotación económica.
- Máis información: bases da última edición.
Premio Rosalía de Castro de Lingua
- Convoca: Deputación Provincial da Coruña.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: persoas, colectivos, entidades ou asociacións de toda Galicia mais con incidencia na provincia da Coruña.
- Desde 2021 ten tres categorías: persoa, entidade e proxecto de promoción da lingua galega.
- Candidaturas: preséntanas terceiras persoas.
- Premio: elemento simbólico de tipo artístico e dotación económica.
- Edicións: en 2024 ten lugar a décimo quinta edición.
- Máis información: bases da última edición.
Premio a Proxectos de Webseries en Galego Carballo Interplay
- Convoca: Concello de Carballo.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: calquera persoa sen límite de idade ou nacionalidade.
- Unha única categoría.
- Candidaturas: as propias persoas interesadas presentan os proxectos candidatos.
- Premio: dotación económica para a edición de polo menos tres capítulos da webserie.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a oitava edición.
- Máis información: bases da última edición.
Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC
- Convoca: Universidade de Santiago de Compostela.
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador).
- Unha única categoría.
- Candidaturas: preséntanas terceiras persoas.
- Premio: elemento simbólico de tipo artístico, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a sexta edición.
- Máis información: convocatoria da última edición.
Premio Xela Arias
- Convoca: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).
- Convocatoria: anual.
- Destinatarios/as: empresa, entidade ou persoa que destaque pola promoción da tradución ou da interpretación cara a ou desde o galego.
- Recoñécese un único premio.
- Candidaturas: preséntanas terceiras persoas.
- Premio: de carácter simbólico, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 tivo lugar a sexta edición.
- Máis información: convocatoria da última edición.
Premio Lingua e Empresa Concello de Ames
- Convoca: Concello de Ames.
- Convocatoria: en 2018 tivo lugar a primeira edición con vontade de ter continuidade.
- Destinatarios/as: empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no municipio de Ames.
- Recoñécese un único premio.
- Candidaturas: poden presentalas as propias empresas ou terceiras persoas.
- Premio: con dotación económica e campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames.
- Edicións: en 2022 tivo lugar a quinta edición.
- Máis información: información da quinta edición.
Premio Ponteareas, Lingua e Empresa
- Convoca: Concello de Ponteareas.
- Convocatoria: en 2019 tivo lugar a primeira edición.
- Destinatarios/as: empresas, autónmos e profesionais que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no municipio de Ponteareas.
- Ten tres categorías: uso continuado da lingua galega, incorporación recente ao uso da lingua galega e traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas.
- Candidaturas: poden presentalas as propias empresas ou terceiras persoas.
- Premio: distinción pública, elemento simbólico de carácter artístico, sen dotación económica.
- Edicións: en 2023 ten lugar a cuarta edición.
- Máis información: bases da cuarta edición.