Novas

Nacen os Premios Mil Primaveras para recoñecer o traballo no ámbito da normalización lingüística

01/abr/2019

Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) iniciamos un novo proxecto: os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Creamos e convocamos estes premios co fin de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. 

Desta forma, buscamos valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido, e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio e que foras desenvolvidas total ou parcialmente en 2017, 2018 ou 2019.

 

Categorías

Os premios contarán con seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.
  • Premio ao mellor proxecto novo: escollido entre aqueles nacidos en 2017 ou despois.
  • Premio á mellor comunicación e impacto: escollido por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación.
  • Premio ao proxecto máis innovador: escollido atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

Inscricións e prazo

Prazo de inscrición

Do 2 de abril ao 17 de maio de 2019

A inscrición de proxectos debe facerse a través do formulario da pestana Inscricións pola entidade responsable da acción, campaña, programa ou proxecto. Cada entidade pode rexistrar cantas propostas queira, sempre que sexan da súa responsabilidade e cumpran cos requisitos da convocatoria.

 

 

Descargas