Novas

Ponteareas premia o uso do galego na actividade comercial e empresarial

09/xul/2019

Concello de Ponteareas crea o Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, unha iniciativa das concellarías de Cultura e Lingua e de Promoción Económica, co obxectivo de recoñecer publicamente o uso e fomento do galego por parte de empresas, autónomos e profesionais que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no municipio.

Nesta primeira convocatoria establecense tres premios:

  • uso continuado da lingua galega
  • incorporación recente ao uso da lingua galega
  • traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas

PARTICIPACIÓN

As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten. As candidaturas deberán enviarse ao enderezo electrónico premioslinguaempresa@ponteareas.gal nun prazo de 10 días desde o 5 de xullo.

MÉRITOS QUE SE TERÁN EN CONTA

Os e as aspirantes deberán xustificar que empregan a lingua galega tanto na comunicación externa e relacional como de xeito interno ou de xestión. Deste xeito, o xurado valorará o emprego da lingua galega no sitio web se o ten, nas redes sociais, sinalética, nas campañas publicitarias ou materiais promocionais, nas súas actividades, na atención á clientela, na comunicación interna co persoal ou a existencia de normas de usos lingüísticos que fomenten o uso do galego, entre outros aspectos.

XURADO

O xurado estará formado por un/unha representante do Concello, un representante dunha asociación en defensa da lingua, unha entidade que xeneralice o uso do galego na empresa e un/unha representante do eido empresarial, tamén do comercio.

Máis información sobre este premio no web do Concello de Ponteareas.