Novas

Galipedia e Pirilampo, premios Rosalía de Castro de promoción da lingua en 2018

04/xul/2018

O Premio Rosalía de Castro de Lingua, que convoca a Deputación Provincial da Coruña recaeu este ano na Galipedia (categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega) e no grupo musical Pirilampo (modalidade que premia proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade).

O xurado estimou que o grupo Pirilampo merece o Rosalía de Castro "pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre a xente miúda coa implicación das familias e das escolas". Destaca tamén o seu labor de "achegar a infancia á realidade máis próxima dun xeito positivo, lúdico, moderno e divertido" e por "contribuír con novos materiais á socialización da infancia en lingua galega".

Por outra parte, o xurado escolleu a Galipedia por ser "un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visibilización e o prestixio da nosa lingua, tanto dentro como fóra de Galiza". Valoraron tamén que Galipedia sexa un "proxecto colaborativo, aberto á participación e caracterizado pola diversidade (xeográfica, de idade, de intereses, de xénero...)” ademais de "contribuír a divulgar o coñecemento desde unha perspectiva propia como galegas e galegos para transmitir a nosa visión do mundo e difundir a nosa realidade como pobo".

O xurado da novena edición do Premio Rosalía de Lingua estivo composto por Nuria Seoane Bouzas e Marisol Ríos Noia, técnicas de normalización lingüística do Concello da Coruña e da Universidade da Coruña, respectivamente, por Anxa González Refoxo, en representación da AS-PG, e por Rosa Moreiras Cuñarro, representando o programa Apego e a CTNL, como representantes dos proxectos gañadores na edición anterior. Presidiu o xurado a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e actuou como secretaria a técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña Dores Sánchez Alegre.

Pirilampo Serpe de cristal
Pirilampo Lucecús
Pirilampo abracadabras
Pirilampo Ollos de mel