O xurado do II Premio Lingua e Empresa Concello de Ames decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo e repartir o importe económico a partes iguais entre tres empresas: Petiscos Gastrobar (Bertamiráns), Cenlitrosmetrocadrado (O Milladoiro) e Escola de Estudos Musicais Allegro (tamén do Milladoiro).
Petiscos Gastrobar, situado en Bertamiráns, pola súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría, cunha aposta clara polo galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento. Tamén destaca o impacto e a visibilidade que a súa escolla comunicativa pode ter no proceso social de normalización lingüística.
Cenlitrosmetrocadrado, Sociedade Cooperativa Galega, situada no Milladoiro, polo seu labor impulsando a dinamización lingüística no eido da creatividade e pola relevancia e impacto da súa actividade no ámbito autonómico e estatal. Destaca tamén a especial visibilidade do seu traballo e dos seus produtos pensados e feitos dende Galicia e en lingua galega.
Escola de Estudios Musicais Allegro, tamén do Milladoiro, polo seu traballo de dinamización lingüística en todos os eidos da súa actividade, tanto internos e externos, e polo uso normalizado da lingua galega no ámbito musical, con especial relevancia na etapa de educación infantil e primaria.
Trátase da segunda edición deste premio posto en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica coa finalidade de promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.
Nesta edición presentáronse 12 empresas de moi diferentes ámbitos: hostalaría, centros visuais e auditivos, clínicas dentais, estudos fotográficos, escolas musicais, parques infantís, despachos xurídicos, xestorías, empresas vinculadas con servizos educativos, de ocio e de conciliación laboral e persoal, comunicación e deseño, artes gráficas etc.
O xurado estivo formado por Felix Caramés Blanco, técnico da Unión de Consumidores de Galicia, Xosé Antonio López Silva, profesor do IES de Ames, e Jorge López Penas, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro. O xurado destacou a responsabilidade social, o gran traballo e a alta calidade de todos as empresas candidatas.