Novas

A USC convoca a terceira edición do Premio Luís Porteiro Garea

11/feb/2020

A Universidade de Santiago de Compostela convoca a terceira edición do Premio Luís Porteiro Garea co fin de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia.

Este premio quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC:

  • Polo emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da universidade, especialmente cando este uso se producira de xeito pioneiro.
  • Pola achega, por parte da persoa ou colectivo premiado, á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC.
  • Polo estudo e a difusión da lingua galega.
  • Por calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.

Este premio ten carácter de distinción pública. Consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado nun acto que se desenvolverá na USC arredor do 16 de setembro de 2020, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea.

 

Candidaturas

As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Cumprirá presentalas segundo o modelo que se pode descargar do web do Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da USC e irán dirixidas ao Servizo de Normalización Lingüística.

O prazo para presentar propostas finaliza o 30 de abril de 2020. Tamén poderán propor candidaturas os membros do xurado.

As bases completas e o resto da información sobre a convocatoria poden consultarse no web do SNL da USC.