A Universidade de Santiago de Compostela convoca a segunda edición do Premio Luís Porteiro Garea co fin de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia.
Este premio quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC:
Este premio ten carácter de distinción pública. Consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado.
Na primeira edición deste premio, que tivo lugar en 2017, foi recoñecido o labor do profesor emérito Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica da USC. O xurado destacou o compromiso do premiado coa lingua galega “dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, a súa defensa desta lingua en todos os foros, os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións neste eido e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”. O xurado tamén puxo en valor o “esforzo levado a cabo para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG”, así como a “pegada que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe en día profesores e profesoras no ensino medio e na propia universidade”.
As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Irán dirixidas ao secretario ou secretaria do xurado, a través dos rexistros da USC, ben presenciais, ben electrónicos. O prazo para presentar propostas finaliza o 15 de novembro de 2018. Tamén poderán propor candidaturas os membros do xurado.
As bases completas e o modelo de instancia para a presentación de candidaturas poden consultarse no web do SNL da USC.