A Universidade de Santiago de Compostela convoca a cuarta edición do Premio Luís Porteiro Garea co fin de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. O premio leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego de que se ten constancia.
Con este recoñecemento a USC quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC:
Este premio ten carácter de distinción pública. Consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado nun acto que se desenvolverá na USC arredor do 16 de setembro de 2021, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea.
As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Cumprirá presentalas segundo o modelo que se pode descargar do web do Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da USC e irán dirixidas ao Servizo de Normalización Lingüística.
O prazo para presentar propostas finaliza o 30 de abril de 2021. Tamén poderán propor candidaturas os membros do xurado.
Este premio lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia. Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecido so profesores Manuel Bermejo, catedrático de Química Orgánica, Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito Mercantil e Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación.