Novas

Chega o XII Premio Rosalía de Castro de Lingua, este ano con tres categorías

04/mar/2021

Rosalía de Castro nunha imaxe de Luis Sellier

Deputación Provincial da Coruña publicou no BOP do 3 de marzo as bases do XII Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega co fin de recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer na provincia, quer no ámbito galego. Terase especialmente en conta o traballo con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.

DESTINATARIAS/OS DOS PREMIOS

Os premios concederanse ás persoas, colectivos ou entidades de ámbito galego en xeral e/ou da provincia da Coruña en particular que destaquen pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que destaquen por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega.

CATEGORÍAS

Establécense tres categorías con cadanseu premio de 2100 euros:

  1. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2021 a aquela persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais.
  2. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2021 a aquela entidade (sexa cal sexa a súa fórmula xurídica ou modo de constitución: empresas, asociacións, colectivos) que máis destaque na promoción da lingua galega.
  3. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2021 a aquel proxecto concreto (ferramentas, publicacións/coleccións, portais web...) de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

CRITERIOS QUE SE VALORAN

Para as categorías A e B:

  • compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua e a súa práctica continuada (até 30 puntos)
  • facelo nun ámbito de especial relevancia, proxección ou en que haxa manifestas dificultades por facelo (até 20 puntos)
  • actuacións concretas a favor da dignificación social da lingua galega (até 10 puntos)
  • contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural (aré 15 puntos)

Para a categoría C, a estes criterios acrecéntanse os seguintes:

  • labor dirixido especialmente aos tramos de poboación de menor idade, infancia e/ou mocidade e traballo de promoción da lingua desde a perspectiva da transmisión xeracional (aré 15 puntos)
  • que abran novas vías ou que acheguen o galego a novos espazos que irrompen con forza (até 10 puntos)
Prazo de presentación de candidaturas

O prazo para presentar candidaturas comeza o 11 de marzo e finaliza o 31 de maio de 2021.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

Poden presentar candidaturas as persoas físicas ou xurídicas que se relacionen coa promoción da lingua galega. Só se admitirá unha candidatura por persoa física ou xurídica.

Non se poderán presentar autocandidaturas.

COMO E ONDE SE PRESENTAN?

A presentación de candidaturas farase de forma telemática, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL). Non se terán por presentadas as solicitudes que se acheguen noutros rexistros.

A tramitación telemática implica os seguintes requisitos:

  • Dispoñer de certificado dixital.
  • Quen presente a candidatura deberá indicar un único enderezo electrónico de contacto durante a tramitación do expediente, ao cal se dirixirán as comunicación.

 

Ligazóns