A Asociación Cultural O Bardo e o Concello da Estrada concederon a vixésimo oitava edición dos seus premios de normalización lingüística ao escritor Manuel Pereira Valcárcel, na modalidade A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes, a Uxía, na modalidade Galicia Enteira, e ao profesor Xosé María Lema Suárez, na modalidade de Toda unha vida. O acto de entrega tivo lugar hoxe no Teatro Principal da Estrada.
O poeta estradense afincado en Madrid Manuel Pereira Valcárcel, membro do grupo poético Bilbao, obtivo o galardón pola súa extensa traxectoria literaria e polo labor de promoción e divulgación do noso patrimonio lingüístico e cultural fóra de Galicia.
Con máis de 20 discos publicados en 30 anos de carreira profesional, Uxía é unha das cantantes máis importantes e renovadoras da lírica tradicional e unha das voces que lle puxeron música aos referentes poéticos galegos. O Padroado recoñeceu tamén o seu compromiso coa realidade social e cultural co país, a partir da que traballou para tender pontes no ámbito da lusofonía.
Xosé María Lema é académico correspondente da Real Academia Galega e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. Na súa longa traxectoria investigadora, este catedrático de Xeografía e Historia ocupouse de historia da arte, etnografía, lexicografía ou onomástica. O seu labor como articulista mereceu o Premio Manuel Reimóndez Portela (2010) por unha serie de cinco artigos en defensa da lingua galega. Como narrador é autor de Costa do Solpor (Xerais, 2013), Premio da Crítica Galicia de creación literaria 2014, e Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro (Xerais 2017).