Novas

O sábado 8 de xuño entregamos os V Premios Mil Primaveras en Pontevedra

02/xuñ/2024

Os Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pechan o vindeiro 8 de xuño a edición de 2023 co acto de entrega de galardóns.

Estes premios teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto, son os seus obxectivos:

  • Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
  • Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
  • Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
  • Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organizamos un acto público de entrega de premios, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de xuño, ás 19.30 horas no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.

A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle os proxectos recoñecidos en todas as edicións dos premios.

 

Acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras

No acto de entrega recoñeceranse os catro proxectos escollidos polo xurado nesta quinta edición: Aquí tamén se fala (programa do IES Rafael Dieste da Coruña que promove a concienciación sobre o emprego da lingua na sociedade), CeibaRimas (iniciativa da produtora Merenda Creativa para impulsar o emprego da lingua na mocidade a través da improvisación oral en verso), Elos. Engánchate ao galego! (proxecto do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela para favorecer a conversa informal en galego con persoas que queren aprender a nosa lingua) e Recuncho Gamer (iniciativa centrada no ámbito dos videoxogos, a cultura popular do momento).

O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) será o marco de entrega dos V Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de xuño ás 19.30 horas. Este evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.

A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

 

Rilo & Penadique conducirán o acto

No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo & Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser.

Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para diferentes públicos. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.

 

Trofeo identificativo e diploma

Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos V Premios Mil Primaveras (2023), que consistirá nunha peza artística elaborada por Cavalinho do Demo.

Cavalinho do Demo é a marca da ilustradora e ceramista establecida en Fornelos de Montes Paula Pereira, que desenvolve a súa arte no obradoiro restaurado que pertenceu durante moitos anos ao seu avó. Paula Pereira titulouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e formouse como ceramista.

 

Difusión dos proxectos premiados

Na sección Proxectos premiados deste web están dispoñibles os 28 proxectos escollidos polos xurados das cinco edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.

 

Os V Premios Mil Primaveras (2023) promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas