Novas

O Concello de Ames crea o Premio Lingua e Empresa

09/nov/2018

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do Departamento de Promoción Económica, crea o Premio Lingua e Empresa Concello de Ames. A través deste premio búscase recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

ENTIDADES DESTINATARIAS

Poderán optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames.

QUE SE VALORARÁ PARA OUTORGAR O PREMIO?

Valorarase o uso da lingua galega na actividade das empresas propostas, tanto no referente á comunicación externa como á interna. Terase en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente ou comunicación e campañas publicitarias/promocionais do establecemento empresarial. Así mesmo, terase en conta o uso do galego na comunicación interna da empresa, na comunicación co persoal ou entre os departamentos, a existencia de normas de usos lingüísticos que fomenten o uso do galego e a diversidade lingüística, ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar.

Por outra banda, tamén puntuará positivamente o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten. Calquera persoa que o desexe poderá propor a unha entidade que entenda que emprega o galego nalgunha ou en todas as súas actividades.

As candidaturas presentaranse mediante este formulario (en .pdf), que se pode entregar a través dos rexistros físicos ou electrónicos do Concello de Ames.

PRAZO

O prazo de presentación de candidaturas para optar ao I Premio Lingua e Empresa remata o 30 de novembro de 2018.

PREMIO

A resolución do premio darase a coñecer de maneira pública entre o 15 e o 20 de decembro de 2018. Este recoñecemento irá acompañado dunha dotación económica de 2500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames.

Máis información sobre este premio web do Concello de Ames.