O Concello de Moaña puxo a andar a comezos do ano 2018 o proxecto Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa pensado como un proxecto colectivo, participativo e transversal para contribuír na construción dun ámbito educativo moañés, que vincule os diferentes centros educativos deste termo municipal. Este proxecto dispón do acceso á web www.caranvexo.gal.
A lingua de traballo e de comunicación desta plataforma é o galego co fin de dinamizar o seu uso oral. O alumnado, e o conxunto da comunidade educativa, ten á súa disposición unha ferramenta educativa na que pode elaborar un mundo propio na nosa lingua, que tamén potencie, coa produción de contidos, a creación de espazos de comunicación en galego.