O proxecto que presentamos ´? Eu Presumo de Galego? toma o nome dunha actividade que levamos desenvolvendo no IES de Melide desde hai cinco cursos escolares, é dicir, desde o curso 14/15.
O Eu presumo de galego comezou sendo un concerto organizado polo Equipo de Normalización do IES de Melide, no que se convidada a unha banda (pop, rock, eská...) recoñecida do panorama musical actual galego e no que podía participar alumnado do centro, ademais de na organización en si, actuando como teloneiros da banda, realizando o deseño do cartaz, así como o deseño das entradas e das camisetas promocionais.
Previamente ao concerto, e en horario de mañá, o alumnado do segundo ciclo da ESO, bacharelato, e FP Básica asiste a un faladoiro no que participa a banda estrela convidada. A temática do faladoiro, independentemente de cómo transcurra posteriormente o debate, é sempre a de falar dos pros, contras, facilidades e dificultades de facer música en galego, fora dos circuítos comerciais de consumo maioritario.
O concerto realízase nunha sala de concertos local, a Sala de Concertos Gatos,, sempre en horario de tarde, e o derradeiro venres do mes de xaneiro. A entrada é de balde para tod@s @s membros da comunidade educativa do IES de Mellide.
Recibe ademais o apoio de varias institucións e asociacións culturais como se detalla máis adiante.
Desde o primeiro momento o concerto de Eu Presumo de galego foi acollido con entusiasmo tanto polo alumnado como polo propio profesorado así como polo resto da comunidade educativa ( non falemos dos pais e nais do alumnado que actuaba no concerto, poñamos o caso ).
Dado o éxito acadado con dita actividade entendemos que, no presente curso, podería tomar a forma de proxecto, tendo en conta que a dinámica de traballo de cursos precedentes parece axeitada en relación aos obxectivos perseguidos e que cada ano van medrando máis e máis os membros da comunidade educativa do IES de Melide que se implican nel.
Esta é a razón que nos animou a presentar este proxecto, xa que, no presente curso, as actividades relacionadas con el prolongaranse ate o mes de maio e abranguen moitos máis ámbitos que o musical, tamén a poesía, e especialmente a novísima poesía galega, ten un papel fundamental neste proxecto así como a ilustración.
E por estraño que poida parecer, neste proxecto contamos ademais con actividades directamente relacionadas coas matemáticas, a tecnoloxía, o traballo coa madeira, a radio ou a edición de vídeo, como queda exposto máis adiante, no detalle das actividades
Por todo elo, entendemos que o proxecto inclúe melloras substanciais no proceso educativo, e impulsa coñecementos que garanten unha plena competencia comunicativa en lingua galega.
Neste senso, creemos firmemente que o noso proxecto de ? Eu Presumo de Galego? axústase a un obxectivo fundamental que é que o uso do galego se prolongue no ámbito que rodea aos centros, de xeito que a mocidade galega atope espazos onde se comunicar con normalidade na lingua propia .
Tamén creemos importante aquí sinalar a propia idiosincrasia do centro:
A cuestión da normalización no IES de Melide, lonxe de cinguirse exclusivamente á cuestión lingüística, contemplou desde sempre unha concepción da cultura como un todo integrado por diferentes elementos.
A lingua forma parte de ese todo, cun protagonismo esencial, pero tamén outras múltiples manifestacións que fomos quen de irmos creando como pobo ao longo da nosa historia e que foron, na meirande parte dos casos, ignoradas nos proxectos normalizadores.
Podemos dicir que no noso centro o traballo imita o modelo dunha arañeira. Fronte a liñas de traballo puntuais e ambiciosas, o noso ENL traballa cun modelo ? en rede ? tirando fíos en diversas direccións....non sempre chegan a onde se pretende...pero moitas veces chegan, aínda que sexa a destinos diferentes.
Máis alá do propio concepto, está implícito un modelo que garantice unha maneira de actuar e traballar, similar a una tea de araña, onde todos os involucrados son elementos de esa tea conectados a través dun proxecto común.