GCiencia

Listaxe de proxectos

GCiencia

GCiencia xurdiu en novembro de 2013 como un desafío á dobre crise da economía e dos medios de comunicación cun proxecto puramente xornalístico. Coa vocación facer divulgación científica en galego a través do xornalismo, o portal da ciencia galega logra atraer tras cinco anos de traxectoria ata 360.000 usuarios únicos mensuais e dous millóns de páxinas vistas (datos de AWStats). Iso converte a gciencia.gal non só no nativo dixital máis lido de Galicia e no quinto do total, a pesar do seu carácter non xeneralista, senón e sobre todo no medio de comunicación en galego máis lido en todos os formatos posibles.

Nas redes sociais, os seus máis de 53.000 seguidores de Facebook constitúen a cuarta maior comunidade dos medios galegos, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo e a moi pouca distancia do El Correo Gallego. GCiencia é un auténtico xornal da ciencia en galego, cuxos contidos se actualizan cunha media de dez noticias ou reportaxes diarios.
Como consecuencia da súa vocación de fomento da divulgación, baixo a marca de GCiencia veñen realizándose desde hai anos diversas actividades destinadas a facer accesible o coñecemento científico. É o caso dos premios de xornalismo científico "Contar a Ciencia", destinado a alumnos de Comunicación das universidades galegas, creado por GCiencia en 2014 e baixo o amparo desde hai dous anos da Real Academia Galega de Ciencias. Ou os galardóns "Galicia Spin- Off", creados en 2015, que recoñecen ás mellores empresas galegas nadas no ámbito universitario.

GCiencia realiza ademais outros labores de divulgación, como Talleres Científicos na rúa para achegar aos escolares ás Illas Cíes desde unha perspectiva científica, a celebración da Semana da Ciencia de Vigo ou a histórica revista-anuario da Real Academia Galega de Ciencias, entre outras. GCiencia foi ademais en 2017 o único medio de comunicación español seleccionado pola FECYT para o plan de Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación, no que participa desde 2014.

Edición: Primeira edición
Entidade: Ciencia Galega Industrias Creativas S. L.
Premiado na categoría: Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial
Premiado no ano: 2019

Proxecto detallado

Ligazóns a vídeos

GCiencia
GCiencia