O Modelo Burela naceu en 2004 como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. Durante catro anos fixemos un intenso traballo de campo e en 2008 asumimos a responsabilidade de coordinar a redacción do Modelo Burela de Planificación Lingüística, que foi aprobado por unanimidade polo pleno municipal. Dese xeito, durante tres anos (2008-2011), a nosa intervención educativa asumiu a responsabilidade de orientar as actuacións do concello en materia lingüística. Esta situación modificouse co cambio de goberno local, que non anulou o acordo plenario, mais tampouco continuou coa súa implementación.
Entre as múltiples áreas de traballo do Modelo Burela (educación, cultura, sanidade, deporte, relixión, comercio, xustiza e notariado...) está o Proxecto Neo, a intervención destinada á incorporación á cultura galega de persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua (neofalantes). Desde o mes de xaneiro de 2012 mantemos unha emisión radiofónica semanal na que damos a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso.