Novas

Tres empresas levan o I Premio Lingua e Empresa Concello de Ames

20/dec/2018

As empresas Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega, SL, foron as premiadas co I Premio Lingua e Empresa Concello de Ames. O xurado decidiu conceder ex aequo o premio ás tres empresas por mor da coherencia do uso da lingua en toda a documentación e comunicación empresarial e polo impacto que a súa actividade empresarial pode producir en sectores relevantes para o proceso de normalización lingüística.

No caso de Biosbardos pola súa influencia entre a xente nova e as familias; Xestiago levou o premio pola súa relación coas comunidades de veciños/as e polo impacto entre a veciñanza á que lle ofrece os servizos de inmobiliaria e seguros; por último, no caso de Asesoría Xeral Galega, pola incidencia que a súa actividade en galego pode ter no sector empresarial a que lle ofrece os seus servizos.

As empresas galardoadas recibirán un premio económico de 833,33 € e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames. O Premio Lingua e Empresa Concello de Ames foi creado polo Servizo de Normalización Lingüística e polo departamento de Promoción Económica co obxectivo de recoñecer de forma pública o uso e fomento do galego na actividade empresarial.

Máis información sobre os premios no web do Concello de Ames.

Noticias relacionadas