Xosé Antón Gómez Segade [foto do Xornal da USC]
O xurado do II Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela decidiu concederllo por unanimidade ao profesor emérito Xosé Antón Gómez Segade, catedrático de Dereito Mercantil da USC. Recoñécese así o seu compromiso coa lingua na súa vocación de creador e, sobre todo, de transmisor do coñecemento do dereito, especialmente no eido da propiedade industrial, onde goza dun enorme prestixio e proxección internacional.
Profesor ben querido polo seu alumnado, sempre utilizou o galego nas aulas, incluso en tempos en que esta opción supuña practicamente un demérito, o cal o converteu en referente lingüístico para centos de alumnas e alumnos que hoxe en día son profesionais da Administración de xustiza, doutras administracións ou da empresa. Así mesmo o xurado considera "mérito indiscutible” que o profesor Gómez Segade é un “coidador da palabra, un orador insigne, tamén no noso idioma”.
Para o ditame final do galardón, ao que se presentaron seis candidaturas, tamén se tivo en consideración o seu papel dinamizador lingüístico e cultural como membro do Consello da Cultura Galega, do Seminario de Estudos Galegos, do Padroado do Museo do Pobo Galego, da Fundación Pedrón de Ouro, da Fundación Castelao ou do Club ‘Alén Nós’. A isto hai que sumarlle os premios Lois Peña Novo e San Martiño, así como a medalla de ouro da Irmandade Xurídica Galega, polo seu compromiso coa lingua.
A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, celebrarase nun acto público no Paraninfo da Universidade o 16 de setembro, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia e que fóra pronunciada nese mesmo lugar en 1915 polo profesor Porteiro.
O Premio ‘Luis Porteiro Garea’ distingue a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos da USC, tanto actuais como pasados, que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacaranse aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución, especialmente se o seu uso se producir de xeito pioneiro; a achega á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega, ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.
O xurado desta segunda edición estivo constituído polo reitor, Antonio López; o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo; a profesora Rita Gradaílle, da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; as profesoras Ana María Gómez Noya e Ana Isabel García Arias, representante das CNL de Santiago e Lugo, respectivamente, e os profesores de Filoloxía Xavier Varela e Ana Isabel Boullón. Exerceu como secretario Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Nornalización Lingüística da USC.