Novas

A Deputación da Coruña convoca o X Premio Rosalía de Castro de Lingua

14/mar/2019

A Deputación Provincial da Coruña convoca o Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega co fin de recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer na provincia, quer no ámbito galego. Terase especialmente en conta o traballo con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.

DESTINATARIAS/OS

Calquera persoa, colectivo, asociación ou entidade ligada a proxectos de promoción do galego, coa súa residencia ou sede social no territorio galego e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.

CATEGORÍAS

Establécense dúas categorías con cadanseu premio de 3.000 euros:

  1. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que máis destaque na promoción da lingua galega
  2. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade

CRITERIOS QUE SE VALORAN

  • Tarefa continuada desenvolvida a favor da promoción da lingua galega
  • Actuacións concretas (previstas ou desenvolvidas) no ano 2019 a favor da dignificación social do galego
  • Uso habitual e digno da nosa lingua nas súas actividades e nos seus servizos
  • Campañas de información e/ou publicitarias en galego
  • Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural

Para a categoría B) teranse en conta tamén:

  • Labor dirixido especialmente aos tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade
  • Traballo de promoción da lingua desde a perspectiva da transmisión xeracional
  • Actuacións que teñan como obxectivo o fomento de actividades interxeracionais

O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se propoñan.

 

Prazo de presentación de candidaturas

As propostas candidatas poden presentarse até o 30 de maio de 2019.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

Pode presentar propostas calquera persoa ou entidade, mais non está permitido autocandidatarse.

COMO E ONDE SE PRESENTAN?

As propostas presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, avda. do Porto 2, 15006 A Coruña (usando o modelo de solicitude anexo ás bases e indicando no sobre X Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019) ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dacoruna.gal

 

Ligazóns

Noticias relacionadas