A primeiros de abril convocamos os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
A proposta dos premios tivo moi boa aceptación entre os servizos de normalización lingüística, os equipos de normalización e dinamización da lingua galega, asociacións e outras entidades, que presentaron un total de 47 propostas, dirixidas na súa maioría á infancia e á mocidade. Entre os proxectos presentados, hai tanto accións nacidas nos últimos tres anos coma iniciativas cunha traxectoria consolidada no tempo. Destas propostas, 19 foron enviadas por servizos de normalización lingüística, 18 por equipos de normalización e dinamización da lingua galega e 10 por outras entidades.
A partir de agora, nomearemos un xurado, que estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación. O seu labor consistirá en seleccionar as campañas que resultarán premiadas nesta primeira edición, de acordo coas seguintes seis categorías:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles neste web para a súa consulta detallada. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.).
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.