Novas

Anunciados os XXV Premios Lois Peña Novo

28/mai/2019

A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer as persoas que se recoñecerán este ano na vixésimo quinta edición dos Premios Lois Peña Novo: Manuel Bermejo Patiño, profesor emérito da USC, Paz Filgueira Paz, maxistrada, e Carlos Salgado López, profesor da USC.

Un xurado composto por Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da USC, Beatriz Corral Sánchez, técnica de normalización lingüística da SXPL, Xurxo Mariño, neurofisiólogo e profesor da UDC; Obdulio Iglesias Otero, xefe da policía local de Gondomar, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundacion Peña Novo, resolveu conceder os XXV Premios Peña Novo a:

Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica e profesor emérito da USC. O xurado destacou entre os seus méritos a coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica, a contribución á preparación de materiais didácticos en galego para a docencia de materias científicas e a escolla do galego como lingua vehicular en máis de 200 traballos da súa especialidade, de pedagoxía, de historia da ciencia ou de divulgación científica. O profesor Manuel Bermejo Patiño tamén foi recoñecido na primeira edición do Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC.

 

Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado de Violencia de Xénero en Vigo, por desenvolver a súa actividade profesional en galego desde hai máis de 20 anos exercendo un maxisterio galeguizador e prestixiando a lingua galega no ámbito xudicial, e por servir de exemplo e estímulo para a adopción do galego como lingua vehicular na práctica xurídica.

 

 

Carlos Salgado López, profesor titular do Departamento de Física de Partículas da USC e director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, polo seu compromiso coa lingua galega na súa actividade docente e investigadora facendo ver coa súa coherencia que en galego se pode facer investigación punteira do máis alto nivel e contribuír ao avance da ciencia no mundo.

 

Os Premios Lois Peña Novo creáronse para recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que fan, co seu traballo cotián, publicacións, estudos, traballos de investigación etc. que a lingua galega se consolide, cada vez máis, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral.