Novas

Ana Peleteiro, Museo do Pobo Galego e AC Tamparrantán, XXIX Premios San Martiño de Normalización Lingüística

25/out/2019

O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística resolveu a vixésimo novena edición dos seus premios, que convocan a Asociación Cultural O Bardo e o Concello da Estrada. Ana Peleteiro, o Museo do Pobo Galego e a AC Tamparrantán foron a persoa e as entidades recoñecidas respectivamente nas modalidades de "Galicia enteira", "Toda unha vida" e "A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes".

 

Asociación Cultural Tamparrantán

Imaxe extraída do perfil de Facebook da AC Tamparrantán.

O recoñecemento de máis proximidade, o que recoñece o traballo a prol da lingua na Estrada e na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, foi para a Asociación Cultural Tamparrantán.

Esta asociación creouse no ano 1992 na parroquia estradense de Santo André de Vea e, dende os seus inicios, ten como obxectivos compilar e difundir a música e o baile tradicional, así como outras manifestacións propias da cultura da comarca. A investigación, a compilación e o estudo da indumentaria popular convertéronse tamén en sinais de identidade da agrupación, o que lle supuxo ser galardoada en diferentes ocasións. A asociación tamén traballou ao longo destes anos noutros eidos da cultura galega, como é o caso do traballo do liño, cunha histórica trascendencia no val do Vea.

 

Ana Peleteiro

Foto do Consello da Cultura Galega, a través do portal Cultura Galega.

A atleta Ana Peleteiro Brión, plusmarquista e actual campioa de Europa de triplo salto en pista cuberta, foi a elixida merecedora do premio na categoría "Galicia Enteira".

A deportista de Ribeira foi elixida mellor atleta española júnior nos anos 2011, 2012 e 2013. No ano 2012 recibiu o Premio Nacional do Deporte e no 2013 o Premio Princesa de Asturias S.A.R. Doña Letizia.

O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística destacou o o compromiso da atleta coa lingua e as súas variedades dialectais e coa cultura galega, compromiso e autoestima que mostra publicamente en moitos medios de comunicación.

Intervención de Ana Peleteiro no vídeo "O deporte galego fala galego" , elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (Consello da Cultura Galega) con motivo dos XX Encontros para a Normalización Lingüística. Paso a Paso, man con man. Deporte e lingua.

 

 

Museo do Pobo Galego

Foto extraída da Galipedia.

Museo do Pobo Galego foi a entidade recoñecida dentro da categoría "Toda unha vida".

O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia recoñeceulle polo Decreto 111/1993, do 22 de maio, a competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicos e privados integrados no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia. No 2008 foille outorgado o Premio Nacional de Cultura Tradicional.

Desde o padroado dos Premios San Martiño lémbrase que se constituiu como un organismo de servizo da comunidade "e sempre comprometido coas tradicións e costumes galegos que a miúdo resultaron esquencidas ou relegadas da historia oficial pero que son precisamente a esencia onde un pobo atopa as pisadas da súa identidade".

 

O padroado destes premios está composto por Juan Constenla Carbón, Henrique Vázquez, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Luís Ferro e María Sanmartín Ruzo.

Os premios entregaranse nun acto aberto ao público que terá lugar no mes de novembro no Teatro Principal da Estrada.

Ligazóns

Noticias relacionadas