O Concello de Ponteareas acaba de anunciar as empresas gañadoras da primeira edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, unha iniciativa das concellarías de Cultura e Lingua e de Promoción Económica, co obxectivo de recoñecer publicamente o uso e fomento do galego por parte de empresas, autónomos e profesionais que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no municipio.
A convocatoria estableceu tres categorías:
Polo uso continuado e exclusivo da lingua galega na súa actividade profesional, o xurado recoñeceu a DiE Gabinete Técnico, que ademais destaca pola repercusión que ten sobre a creación dun corpus lingüístico de documentos técnicos en galego presentados perante organismos como o Rexistro da Propiedade ou notarías, o que favorece que os usuarios e usuarias teñan a posibilidade de ter documentadas as súas propiedades en galego.
Na categoría de incorporación recente ao uso da lingua galega, foi premiada Máis Vida pola súa contribución a visibilizar o galego dentro do eido da saúde e por axudar a gañar novos espazos de uso para a lingua galega a través dunha actividade que chega a amplas capas da sociedade.
Pola súa aposta e longa traxectoria no uso da lingua galega ao longo de décadas etiquetando os seus produtos en galego, levando o idioma galego ás grandes superficies e áreas de distribución tanto en Galicia como fóra dela, emitindo tíckets de compra en galego, na rotulación estática das tendas e na publicidade móbil dos seus vehículos de repartición, foi recoñecida Industrias Cárnicas Fontefría. O xurado salientou a importancia que estas actitudes teñen para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico xa que achega a lingua aos consumidores e consumidoras e favorece unha receptividade favorable ao seu uso na sociedade.
Nun acto de entrega que tivo lugar o pasado 5 de novembro, as empresas premiadas recibiron un diploma e unha peza escultórica do artista pontareán Silverio Rivas.