Novas

Os Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa fan 20 anos

17/nov/2019

A Cámara de Comercio de Compostela e mais o Concello de Santiago de Compostela convocaron a vixésima edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa, cuxa finalidade é recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán.

CATEGORÍAS

Este recoñecemento prevé dúas categorías: unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. Alén disto, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

Aos galardóns poden optar empresas radicadas no Concello de Santiago, que poderán presentar directamente as súas candidaturas ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.

Para presentar as candidaturas cómpre enviar unha mensaxe ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela (comunicación@camaracompostela.org). Quen formule a proposta (calquera persoa ou entidade ou o propio negocio) debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa

Todas as que se formulen antes do 10 de decembro seranlle transmitidas ao xurado desta edición, que tamén poderá sumar as propias.

O xurado dos Manuel Beiras estará formado por un representante do Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, dunha asociación en defensa da lingua, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior.

ENTREGA DOS PREMIOS

Os galardóns entregaranse o luns 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, nun acto moi especial que estará cheo de lembranzas e sorpresas con motivo deste 20 aniversario. Estará presentada polo actor e humorista Carlos Blanco.

 

 

Campaña de información e promoción

Ao igual que nos últimos anos, a convocatoria dos Premios Manuel Beiras vén precedida dunha campaña de promoción que ten como obxectivo dar a coñecer os galardóns e incentivar a presentación de candidaturas, así como animar as empresas a comunicárense en galego.

A campaña informativa ten varios obxectivos: reforzar o coñecemento que xa existe sobre o premio e pomover a súa continuidade; divulgar as bases e convidar a cidadanía e entidades a presentaren as súas propostas de candidatura; chamar a atención sobre as empresas que empregan o galego como parte do seu servizo e engadir valor a esta aposta fronte ao público potencial; e achegar ao sector empresarial unha mensaxe positiva sobre o rendemento de utilizar o galego na súa comunicación. Con estas metas, deseñáronse os materiais que este ano poñen o acento nos vínculos e nas oportunidades que o galego crea para o sector comercial.

Máis información sobre esta e as pasadas edicións no web dos premios.

Ligazóns

Noticias relacionadas