As empresas Leite Noso e Construcións Alvite González foron as galardoadas cos XIX Premios Manuel Beiras. Así mesmo, o xurado dos premios concedeu a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Evaristo Rodríguez Carracedo, exvicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
A empresa Leite Noso recibiu o premio na categoría de nova incorporación ao galego. A distinción está relacionada coa marca comercial Deleite, a primeira etiquetada integramente en galego e que, tal e como salientou o xurado, "coloca o noso idioma na mesa de milleiros de fogares cada día".
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o galardón foi para Construcións Alvite González, "por apostar por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua, facéndoa visible nun ámbito de actividade económica onde habitualmente se agocha para os usos formalizados”.
Por último, o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Evaristo Rodríguez Carracedo, avogado compostelán que, "como vicepresidente da Cámara de Comercio, foi un dos piares sobre os que se crearon estes galardóns e cuxo impulso e apoio foi fundamental para que superasen a maioría de idade".
Os Premios Manuel Beiras están convocados pola Cámara de Comercio de Compostela e polo Concello de Santiago de Compostela e teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán.