Cunha gala que se celebrou no Teagtro Principal compostelán conducida polo actor Carlos Blanco, o Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio entregaron onte os XX Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa ás cooperativas Strelia Electrotecnia e Numax. A distinción especial recaeu na Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.
O acto serviu tamén para lembrar os vinte anos de traxectoria destes premios, que teñen como fin outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial e lembrar a figura dun histórico comerciante compostelán destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua.
O xurado decidiu premiar a Strelia Electrotecnia por empregar o galego nun sector empresarial innovador e dinámico como é o da electrónica de telecomunicacións e industrial, no cal desenvolve solucións de electrónica profesional en campos como as telecomunicacións, a oceanografía, as ciencias da terra, o control industrial e a eficiencia enerxética. Tendo en conta que gran parte da súa clientela se sitúa fóra das nosas fronteiras, a súa escolla lingüística demostra que o galego serve para comunicarse, mais tamén para transmitir valores como o de calidade, compromiso, seriedade e respecto pola diversidade natural, social e cultural.
O xurado decidiu premiar a Numax, Sociedade Cooperativa Galega, por incorporar a lingua a un proxecto empresarial que tiña tanto de arriscado como de atractivo e innovador. Sala de cinema; libraría; cafetaría; laboratorio de deseño, comunicación e produción... En definitiva, espazo de encontro social e cultural nunha cidade viva que sabe acoller como se merecen propostas deste calado. Numax representa un lugar onde o galego comparte protagonismo coas historias que alí suceden.
O xurado decidiu recoñecer a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos co premio da distinción especial porque, ao longo dos seus 98 anos de historia, diferentes xeracións de compostelás e composteláns tiveron a oportunidade de se formaren no coñecemento do folclore galego, polo que tamén se converteron en coñecedoras e transmisoras do importante legado lingüístico que este atesoura. O respecto polo galego, neste caso, traspasou as paredes das aulas e reflectiuse noutros ámbitos sociais. Cantigas e Agarimos é unha entidade que xa forma parte do valioso patrimonio cultural da cidade de Santiago de Compostela.