Novas

A Deputación da Coruña convoca o XI Premio Rosalía de Castro de Lingua

23/feb/2020

Rosalía de Castro nunha imaxe de Luis Sellier

 

Deputación Provincial da Coruña convoca o XI Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega co fin de recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer na provincia, quer no ámbito galego. Terase especialmente en conta o traballo con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.

DESTINATARIAS/OS DOS PREMIOS

Os premios concederanse ás persoas, colectivos, asociacións ou entidades de ámbito galego en xeral e/ou da provincia da Coruña en particular que destaquen pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que destaquen por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano 2020.

CATEGORÍAS

Establécense dúas categorías con cadanseu premio de 3.000 euros:

  1. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2020 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que máis destaque na promoción da lingua galega
  2. Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2020 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade

CRITERIOS QUE SE VALORAN

  • Tarefa continuada desenvolvida a favor da promoción da lingua galega
  • Actuacións concretas (previstas ou desenvolvidas) no ano 2020 a favor da dignificación social do galego
  • Uso habitual e digno da nosa lingua nas súas actividades e nos seus servizos
  • Campañas de información e/ou publicitarias en galego
  • Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural

Para a categoría B) teranse en conta tamén:

  • Labor dirixido especialmente aos tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade
  • Traballo de promoción da lingua desde a perspectiva da transmisión xeracional
  • Actuacións que teñan como obxectivo o fomento de actividades interxeracionais

O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se propoñan.

 

Prazo de presentación de candidaturas

O prazo para presentar candidaturas comezou o 4 de marzo e tiña previsto o seu remate o 30 de abril de 2020. Nestes momentos este prazo está interrompido.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

Pode presentar candidaturas calquera persoa ou entidade que estea interesada na promoción da lingua galega. Só se admitirá unha candidatura por persoa física ou xurídica.

Tamén poderán propor candidaturas os membros do xurado, que deberán facer chegar ao resto das persoas integrantes do xurado, cando menos, 72 horas antes da sesión de deliberación.

Non se admitirán candidaturas presentadas por persoas ou entidades premiadas nas edicións anteriores e tampouco se poderán propoñer autocandidaturas.

COMO E ONDE SE PRESENTAN?

A presentación de candidaturas farase de forma telemática, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL). Non se terán por presentadas as solicitudes que se acheguen noutros rexistros.

A tramitación telemática implica os seguintes requisitos:

  • Dispoñer de certificado dixital.
  • Quen presente a candidatura deberá indicar un único enderezo electrónico de contacto durante a tramitación do expediente, ao cal se dirixirán as comunicación.

Ligazóns

Noticias relacionadas