A décima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación Provincial da Coruña e que recoñece cada ano iniciativas que contribúen á normalización lingüística, xa ten gañadores. Por unha parte, o xornal de información científica GCiencia foi recoñecido polo seu papel na difusión do galego e, pola outra, o proxecto 21 Días co Galego e máis foi escollido polo traballo de promoción da reflexión e do uso da nosa lingua na mocidade.
O xurado decidiu outorgar o Premio Rosalía de Castro na categoría de colectivo, entidade ou asociación que máis destaca na promoción da lingua galega ao portal GCiencia, dirixido por Pablo López e Eduardo Rolland, por "contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega". Valorouse tamén que "o proceso de normalización do galego científico é crucial para que as persoas que o falan poidan percibir que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados nesta lingua. Por contribuír á construción dun estándar e difusión da terminoloxía lingüística".
GCiencia naceu en novembro de 2013 da man un equipo de profesionais da información co claro obxectivo de achegar a ciencia e a tecnoloxía ao conxunto da sociedade galega. Ao longo da súa traxectoria, converteuse no nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto de todos os medios galegos en Internet, ademais do primeiro en galego. Conta cunha audiencia mensual superior aos dous millóns de visitas e aos 360.000 usuarios únicos (datos a novembro de 2017). Máis que un medio especializado, GCiencia é unha plataforma aberta a todo tipo de contidos de interese social.
Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador resultou ser o proxecto 21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e se converteu en 21 Días co Galego e máis.
O xurado valorou unha iniciativa que considera pioneira "para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade". Destacou tamén que o proxecto favorece "a adquisición da competencia en lingua galega xunto coa normalidade do seu uso social na mocidade non galegofalante como primeira lingua ou como lingua de relación habitual".
Na edición deste ano de 21 Días co Galego e máis participaron 1316 alumnos e alumnas dos IES Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), que se comprometeron a falar galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas. A experiencia difundiuse por medio de vídeos a través do blog do proxecto e nas redes sociais do programa.
Este programa ten a súa orixe no proxecto 21 Días co Galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte, e que continuou durante cinco anos máis ata que se ampliou ao proxecto actual. En 2015 recibiu un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no ano 2018 recibiu o primeiro acto de recoñecemento a unha actividade educativa por parte da Real Academia Galega.
O xurado do X Premio Rosalía de Castro de Lingua estivo composto por Xesús Manuel Mosquera Carregal, Julia Rigueiro García e Beatriz Vilaverde Santamariña, técnico e técnicas de normalización lingüística, pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta, e pola técnica de normalización lingüística de Deputación Dores Sánchez Alegre, como secretaria.