Ante a actual crise sanitaria e o estado de alarma, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) decidiu interromper o prazo para presentar proxectos aos II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. A CTNL toma esta decisión tendo en conta que os contextos social, laboral e sanitario dificultan a participación nesta convocatoria e espera que nun momento máis propicio se poida retomar e continuar o proceso con maiores garantías.
Nestes momentos, cos centros educativos pechados, coas administracións traballando só en trámites urxentes e coa maioría das entidades co labor paralizado, consideramos que non se dan as condicións adecuadas para participar nesta convocatoria. Agardaremos a un momento máis propicio para retomar esta iniciativa, que busca recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelos.
É intención da CTNL abrir un novo prazo de inscrición cando sexa máis factible a participación das entidades destinatarias: servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua, asociacións e outras entidades públicas e privadas.
Este novo prazo non terá que ser inmediatamente despois da suspensión do estado de alarma en que estamos inmersos/as. Anunciarase con suficiente antelación e escolleranse as datas que a organización dos premios considere máis propicias para favorecer a participación.
Agradecemos ás entidades que tiñan pensado presentar proxectos nos próximos días a súa comprensión; e convidámolas a continuar a redacción e compilación de materiais dos seus proxectos e a presentalos no novo período de inscrición.
As bases da actual convocatoria continúan vixentes salvo no referente ao período de inscrición, que se modificará no momento en que se decida o novo prazo.
Os proxectos xa presentados aos II Premios Mil Primaveras manteranse como candidatos e non terán que presentarse no novo período de inscrición, a menos que as entidades responsables decidan actualizalos nesa altura. Nese caso, terán que subir de novo o proxecto e só se terá en conta a versión máis recente.
Desde a CTNL pedimos desculpas polos inconvenientes que esta decisión de interromper o prazo de inscrición de proxectos poida causar a todas as entidades participantes.