Logo da boa acollida da primeira edición, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Estes premios creáronse co fin de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Para desenvolver esta iniciativa, a CTNL conta coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.
Con este recoñecemento, a CTNL busca valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido, e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.
Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidas total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020 (ata a finalización do prazo de inscrición de proxectos).
Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón proxectos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos II Premios Mil Primaveras proxectos recoñecidos na primeira edición.
Coma na edición anterior, os premios contarán con seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:
As candidaturas deben ser presentadas polas entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.
Alén disto, os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que se poden presentar, sempre que cumpran as bases.
A inscrición de proxectos debe facerse a través do formulario da pestana Inscricións pola entidade responsable da acción, campaña, programa ou proxecto.
O formulario inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf que describa en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:
Opcionalmente poden engadirse máis fotos, ligazóns a vídeos, a arquivos de son e outro tipo de enlaces, materiais todos que poidan servir para completar e exemplificar mellor a descrición técnica.
A inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios, sen que sexa preciso escoller categoría.
Os proxectos que resulten escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades responsables.
Do 17 de febreiro ao 5 de abril de 2020.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e difusión das accións, campañas, programas e proxectos como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.
Tamén inclúen a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación.
Foto de grupo do acto de entrega da primeira edición dos Premios Mil Primaveras (Pazo de Cultura de Pontevedra, 21 de setembro de 2019)
Os Premios Mil Primaveras creáronse en 2019 e recoñeceron xa os seguintes proxectos:
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.