Novas

Resólvense os Premios Mil Primaveras

26/xuñ/2019

A primeira edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego recoñece programas do ámbito educativo que traballan coa lingua de xeito transversal, a colaboración de  servizos de normalización lingüística nun proxecto innovador e o xornalismo científico como espazo de uso e prestixio da lingua.

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Establecéronse seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos
  • Premio ao mellor proxecto novo: escollido entre aqueles nacidos en 2017 ou despois.
  • Premio á mellor comunicación e impacto: escollido por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación.
  • Premio ao proxecto máis innovador: escollido atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

O xurado dos Premios Mil Primaveras, logo de avaliar os 47 proxectos presentados a esta primeira edición, decidiu outorgar os seguintes premios: Modelo Burela (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min (como proxecto novo), Desafío 48 h (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s (como proxecto máis innovador), Eu presumo de galego (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial).

 

Modelo Burela

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas de atención á diversidade ou intervencións destinadas á cidadanía.

O Modelo Burela naceu en 2004 como unha intervención educativa co fin de transformar os usos lingüísticos habituais tanto na comunicade escolar coma no seu ambiente social máis inmediato. Os puntos fortes deste proxecto son a implicación social e educativa para crear un contexto favorable á integración a través da lingua galega, con modelos de educación inclusiva e referentes de interculturalidade. Por outra parte, as actividades máis coñecidas do Modelo Burela, os programas de radio Proxecto Neo e Grandes Voces do Noso Mundo (ambos desde Radio Burela con reemisións noutras emisoras), alén de seren actividades prácticas de aprendizaxe significativa que reforzan a didáctica da lingua e a reflexión sociolingüística, chegan a través das ondas e de Internet a outros contextos sociais.

 

Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora

A categoría do proxecto novo recaeu en Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido á totalidade do alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural. Tamén se tivo en conta que o proxecto conta cun plan de avaliación con criterios e indicadores ben definidos e que é un modelo de traballo inspirador que pode ser empregado noutros centros educativos.

O IES de Soutomaior, inaugurado no curso 2018-2019, creou un proxecto integrado de centro baseado en catro eixos de contidos: lingua galega, manifestacións culturais galegas, perspectiva de xénero e diversidade sexual, funcional e cultural. Adoptouse un tratamento transversal para todos os cursos e moitas materias, con actividades específicas para cada nivel educativo e actividades comúns para varios niveis, traballando con múltiples produtos finais e en formatos diferentes. O proxecto desenvolveuse ao longo de todo o curso e naceu como forma de traballo con continuidade nos vindeiros anos.

 

Desafío 48 h

Na categoría de mellor comunicación e impacto, prémiase a campaña Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), porque, a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente. Isto traduciuse nunha ampla presenza nos medios de comunicación e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo. Tamén se valorou a estratexia de comunicación da campaña dentro do centro educativo e a detalladísima explicación do proxecto.

A partir dunha realidade sociolingüística totalmente castelanizada, a acción Desafío 48 h tivo como principais obxectivos incentivar o uso do galego de maneira positiva en todas a situacións da vida diaria do alumnado do centro, vincular o uso do galego con mensaxes positivas, crear reflexión sobre a posibilidade real de usar a lingua e lanzar unha mensaxe social favorable ao emprego do galego. A acción completouse con actividades de reforzo para facilitar a creación de ámbitos de uso para a comunidade educativa.

 

Proxecto Youtubeir@s

Como programa máis innovador, recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións.

O Proxecto Youtubeir@s, que chega este ano á terceira edición, naceu coa vontade de promover e visibilizar o uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado dixital. O proxecto pretende fomentar a creatividade con temas propios e impulsar referentes en galego dun novo axente con repercusión e impacto social, @s youtubeir@s. É un proxecto colaborativo dos servizos de normalización lingüística de trece concellos, da Deputación da Coruña e das tres universidades galegas.

 

Eu presumo de galego

O xurado premiou o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide) na categoría de fomento do galego na infancia e/ou mocidade, por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal. Valorouse positivamente a súa flexibilidade e eficiencia, que o converten en modelo transferible tanto a contextos educativos galegofalantes como a castelanfalantes.

A partir dunha actividade concreta como un concerto, o IES de Melide creou un proxecto transversal que inclúe accións relacionadas coas matemáticas, a tecnoloxía, o traballo coa madeira, a radio ou a edición de vídeo. O proxecto impulsa coñecementos que garanten unha plena competencia comunicativa en lingua galega e favorece a reflexión sociolingüística nun contexto galegofalante. As actividades desenvólvense durante todo o curso e implican a toda a comunicade educativa e a entidades, asociacións e empresas locais.

 

GCiencia

O proxecto premiado nun ámbito sectorial concreto, en concreto na divulgación científica, foi o portal dixital GCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.), por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma. Saliéntase que sexa un medio líder no sector da información científica desde a perspectiva galega e que favoreza a difusión do traballo de promoción da lingua no ámbito científico de centros educativos, asociacións e outras entidades. Recoñécese tamén o seu labor na difusión de terminoloxía científico-técnica en galego.

GCiencia xurdiu en novembro de 2013 con vocación de facer divulgación científica en galego a través do xornalismo. Aposta pola reflexión sobre a importancia de normalizar o uso do galego nun eido esencial para prestixialo, cun gran coidado da lingua e rigor terminolóxici. É de salientar, así mesmo, a súa eficacia comunicativa e impacto social e que favorece, a través das diferentes seccións, tanto a difusión do labor científico que se realiza en Galicia como a información universal desde unha perspectiva galega.

 

Recoñecemento e difusión

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega que terá lugar en Pontevedra o 21 de setembro. Así mesmo, os proxectos premiados estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no sección "Proxectos premiados" deste web.

O xurado dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén colabora no acto de entrega dos premios o Concello de Pontevedra.

 

Descargas

Noticias relacionadas