O pasado sábado, 21 de setembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a cerimonia de entrega dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e, para o acto de entrega, tamén do Concello de Pontevedra.
Ás 11.30 abriron o acto os regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, que cos seus versos e disputas rimadas describiron os obxectivos dos premios e cada unha das categorías propostas nas bases. Logo da lectura da acta pola secretaria do xurado, sucedeuse a entrega dos seis premios concedidos:
Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas de atención á diversidade ou intervencións destinadas á cidadanía. Entregou o premio ao Modelo Burela Ana Iglesias, integrante do xurado.
A categoría do proxecto novo recaeu en Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido á totalidade do alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural. Tamén se tivo en conta que o proxecto conta cun plan de avaliación con criterios e indicadores ben definidos e que é un modelo de traballo inspirador que pode ser empregado noutros centros educativos. Entregou o premio ao mellor proxecto novo Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra.
Na categoría de mellor comunicación e impacto, premiouse a campaña Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), porque, a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente. Isto traduciuse nunha ampla presenza nos medios de comunicación e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo. Tamén se valorou a estratexia de comunicación da campaña dentro do centro educativo e a detalladísima explicación do proxecto. A partir dunha realidade sociolingüística totalmente castelanizada, a acción Desafío 48 h tivo como principais obxectivos incentivar o uso do galego de maneira positiva en todas a situacións da vida diaria do alumnado do centro, vincular o uso do galego con mensaxes positivas, crear reflexión sobre a posibilidade real de usar a lingua e lanzar unha mensaxe social favorable ao emprego do galego. Silvia Muíño, secretaria da CTNL, entregou o premio ao alunmado do IES María Casares.
Como programa máis innovador, recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións. Rosario Pérez Magdalena, integrante do xurado, entregou o premio.
O xurado premiou o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide) na categoría de fomento do galego na infancia e/ou mocidade, por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal. Valorouse positivamente a súa flexibilidade e eficiencia, que o converten en modelo transferible tanto a contextos educativos galegofalantes como a castelanfalantes. A partir dunha actividade concreta como un concerto, o IES de Melide creou un proxecto transversal que inclúe accións relacionadas coas matemáticas, a tecnoloxía, o traballo coa madeira, a radio ou a edición de vídeo. Entregou o premio María Ortega, deputada provincial de Normalización Lingüística.
O proxecto premiado nun ámbito sectorial concreto, en concreto na divulgación científica, foi o portal dixitaL GCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.), por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma. Saliéntase que sexa un medio líder no sector da información científica desde a perspectiva galega e que favoreza a difusión do traballo de promoción da lingua no ámbito científico de centros educativos, asociacións e outras entidades. Recoñécese tamén o seu labor na difusión de terminoloxía científico-técnica en galego. David Cobas, tesoureiro da CTNL, entregou o premio.
Os Premios Mil Primaveras non están dotados economicamente, mais os premiados recibiron un galardón identificativo. Consistiu nunha peza artística inspirada no logo dos premios e feita de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos. As pezas son obra de Nahuel Pérez, titulado superior en técnicas escultóricas pola Escola Mestre Mateo.
Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta primeira edición, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.