Novas

Consulta en detalle os proxectos recoñecidos na primeira edición dos Premios Mil Primaveras

05/ago/2019

Un dos obxectivos da convocatoria destes premios, alén de recoñecer a calidade dos proxectos que se desenvolven no ámbito da normalización lingüística, é contribuír á súa difusión e que poidan servir como modelo e inspiración para o traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.

Daquela, na sección “proxectos premiados” do web dos premios están dispoñibles os proxectos premiados, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Todo para coñecermos os pormenores dos seis proxectos que nesta primeira edición foron recoñecidos polo xurado:

 

Premio ao mellor proxecto estabilizado: Modelo Burela

Recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro, Burela) por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas educativos de atención á diversidade ou intervencións educativas destinadas á cidadanía.

 

Premio ao mellor proxecto novo: Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora

O xurado premiou Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o curso escolar, dirixido a todo alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural. Tamén se tivo en conta que o proxecto conta cun plan de avaliación con criterios e indicadores ben definidos e que é un modelo de traballo inspirador que pode ser empregado noutros centros educativos.

 

Premio á mellor comunicación e impacto: Desafío 48 h

Premiouse a campaña Desafío 48 h (IES María Casares, Oleiros), porque, a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente. Isto traduciuse nunha ampla presenza nos medios de comunicación e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo. Tamén se valorou a estratexia de comunicación da campaña dentro do centro educativo e a detalladísima explicación do proxecto.

 

Premio ao proxecto máis innovador: Proxecto Youtubeir@s

Recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións.

 

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: Eu presumo de galego

O xurado premiou o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide), por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal. Valorouse positivamente a súa flexibilidade e eficiencia, que o converten en modelo transferible tanto a contextos educativos galegofalantes como a castelanfalantes.

 

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: GCiencia

Recoñeceuse o portal dixital GCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.), por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, a divulgación científica, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma. Saliéntase que sexa un medio líder no sector da información científica desde a perspectiva galega e que favoreza a difusión do traballo de promoción da lingua no ámbito científico de centros educativos, asociacións e outras entidades. Recoñécese tamén o seu labor na difusión de terminoloxía científica en galego.

 

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega que terá lugar en Pontevedra o 21 de setembro.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén colabora no acto de entrega dos premios o Concello de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas