Os Premios Mil Primaveras, creados e convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto os obxectivos destes premios son:
Estes premios non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organízase un acto público de entrega, que terá lugar o 21 de setembro ás 11.30 horas na Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. A difusión dos proxectos premiados tamén se fará a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle.
Nun acto conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, entregaranse os premios aos seis proxectos escollidos polo xurado nesta primeira edición: Modelo Burela do IES Perdouro (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min do IES de Soutomaior (como proxecto novo), Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (como programa máis innovador), Eu presumo de galego do IES de Melide (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial).
O galardón identificativo dos Premios Mil Primaveras consistirá nunha peza artística de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos, obra de Nahuel Pérez, titulado superior en técnicas escultóricas pola Escola Mestre Mateo.
O acto de entrega dos Premios Mil Primaveras comezará ás 11.30 do 21 de setembro e terá lugar na Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra. É un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta primeira edición, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.
Así o anunciaron Aberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, María Ortega, deputada delegada de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, e Anxos Sobriño, presidenta da CTNL, durante a rolda de prensa de presentación do acto, que tivo lugar hoxe no Concello de Pontevedra.
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.