Novas

I Premio Xela Arias para María Alonso Seisdedos

30/out/2018

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) anunciou o día 30 de outubro que outorga a primeira edición do Premio Xela Arias, a María Alonso Seisdedos, tradutora literaria e audiovisual.

O premio será entregado nun acto simbólico que se celebrará na feira das industrias culturais galegas Culturgal, o sábado 1 de decembro de 2018 ás 12:30.

María Alonso Seisdedos

Foto extraída do web da AGPTI

María Alonso Seisdedos é responsábel dun gran número de traducións que teñen sido moi significativas para a normalización e dignificación da lingua galega, tanto pola importancia dos traballos como pola súa gran calidade. Entre outros autores e autoras, verteu ao galego obras de Orhan Pamuk, Herman Koch, Kazuo Ishiguro, Cornelia Funke ou Andrea Camilleri e traduce desde linguas como o inglés, o italiano, o francés, o alemán, o portugués, o catalán ou o castelán. Ademais, formou parte do equipo de tradutoras e tradutores que verteu ao galego o Ulises de Joyce e que gañou o Premio Nacional á Mellor Tradución en 2014.

María Alonso Seisdedos tamén ten traballado desde 1986 como tradutora audiovisual para a TVG en innumerables series, documentais e filmes. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o da serie Shin Chan, que deixou unha gran pegada para toda unha xeración e que é recoñecido pola súa calidade e pola súa importancia para a lingua galega.

 

O Premio Xela Arias foi creado este ano pola AGPTI e serve para recoñecer unha empresa, entidade ou persoa que destacase pola promoción da tradución ou da interpretación cara a ou desde o galego.

Máis información sobre este premio no web da AGPTI.

Noticias relacionadas