A Deputación Provincial da Coruña fixo pública a desición do xurado dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua. A edición deste ano contou con tres categorías cos seguintes premiados:
Os Premios Rosalía de Castro convócaos Deputación Provincial da Coruña co fin de recoñecer persoas, entidades e proxectos que contribúen a promover o galego. Os premios están dotados con 2100 euros por categoría.
Imaxe extraída do web da Editorial Galaxia
Xaquín Marín, fundador da banda deseñada galega, é o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega. O xurado destacou o seu compromiso continuado no tempo e o alcance social do seu traballo. Tamén tivo en conta a súa traxectoria e traballo "nun contexto histórico de especial dificultade, en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual".
En definitiva, valorouse o seu labor "pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual".
Xaquín Marín foi, ademais, o impulsor do Museo do Humor de Fene e o seu director os primeiros 25 anos de vida da institución.
Imaxe: Marta Cortacans, adaptada de IAU e Sky & Telescope, Roger Sinnott & Rick Fienberg (Serpentario, CC BY 3.0.), Stellarium (visión con prismáticos) e Luis Sellier (fotografía de Rosalía)
Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega os Premios Rosalía de Castro recoñeceron a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O xurado destacou entre os seus méritos "impulsar a lingua galega nun ámbito tan especialidado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral". Valorou tamén a "énfase na creación lexical que demanda especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor".
Entre os logros máis recentes, o xurado apuntou que a asociación impulsou e asesorou a Real Academia Galega no nomeamento das 88 constelacións en galego e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.
Na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atende espazos emerxentes de uso da lingua a gañadora é a iniciativa Twitter en Galego, promovida por Carlos García Vieito. O xurado salientou que coordina "o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego".
Valorouse tamén que Twitter en Galego crea "terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital" e destacouse o seu "grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego".
A iniciativa Twitter en Galego celebra neste ano 2021 o seu décimo aniversario.
O xurado estivo composto por Julia Rigueiro, técnica de normalización lingüística do Concello da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno, profesor da Universidade da Coruña, e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate. A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, actuou como presidenta e a técnica da Deputación Dores Sánchez Alegre, como secretaria.