Novas

A cuarta edición dos Premios Mil Primaveras xa ten proxectos gañadores

03/abr/2023

A cuarta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, convocada en 2022, recoñeceu catro programas que potencian a oralidade, a reflexión e o uso da lingua na formación non regrada. Son ademais proxectos que buscan crear comunidade e asociar a lingua con valores positivos e atractivos (a innovación, a creatividade e a autoestima).

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorarrecoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Na edición deste ano concedéronse catro premios, sen xerarquías nin clasificación por categorías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2019, 2020, 2021 ou 2022. Foron recoñecidos os seguintes: Asociación Faladoiros Vigo (Asociación Faladoiros Vigo), Caranvexo TV (Concello de Moaña), Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (Rexenerando, S. Coop. Galega) e Na Utopía (Na Utopía).

 

Asociación Faladoiros Vigo

Faladoiros Vigo é unha iniciativa nacida en 2020 co fin de crear espazos amables de conversa en galego nun contexto urbano como o da cidade olívica. Tanto presenciais como en liña, buscan formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar en galego.

O xurado destacou que axudan a crear ámbitos de uso informais en galego, tan necesarios en contextos urbanos, e que dotan as persoas destinatarias de espazos para favorecer a súa confianza como falantes. Tamén se valorou que é unha iniciativa que parte da propia sociedade, que é autoxestionada e que pode ser un exemplo para outras realidades.

 

Caranvexo TV

Concello de Moaña puxo a andar a comezos do ano 2018 o proxecto Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña, co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa pensado como un proxecto colectivo, participativo e transversal para dinamizar o uso oral da lingua a través do audiovisual.

O xurado destacou que é un proxecto fresco que promove o uso oral da lingua entre a infancia e a mocidade nun contexto educativo, creativo e divertido. É ademais un exemplo da colaboración entre un SNL local e a comunidade educativa nunha acción colectiva con obxectivos comúns, que demostra capacidade de coordinación e crea vínculos a través do idioma.

 

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (LAB) é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, promovido pola cooperativa Rexenerando en 2022. Integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversidade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico coa finalidade última de activar unha rede de mozas e mozos comprometidos coa lingua.

O xurado valorou que fomenta a participación para crear comunidade lingüística por medio da reflexión e o debate. Unha das súas potencialidades é que aborda o conflito lingüístico dun xeito innovador para activar falantes entre iguais. Outro dos seus valores é que naceu como proxecto piloto que se pode espallar por moitos centros educativos.

 

 

 

 

 

 

Na Utopía

Na Utopía é unha novísima plataforma de obradoiros en liña integramente en galego sobre distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos. Creouse en 2022 co fin de proporcionar a oportunidade de aprender contidos diversos na nosa lingua fóra dos circuítos formais ou académicos.

O xurado destacou que é unha ferramenta asemade formativa e normalizadora en moi diferentes ámbitos. Tamén salientou a súa innovación e que cobre un nicho de mercado presente con proxección de futuro. A calidade dos contidos, da imaxe e da comunicación e o feito de asociar a aprendizaxe co lecer son outros dos valores apreciados polo xurado.

 

Xurado, recoñecemento e difusión

O xurado da cuarta edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña, Carlos García Vieito, responsable de comunicación da Mesa pola Normalización Lingüística, Noemí García Rodríguez, docente da EOI de Lugo, Gabriel Fuentes Míguez, xornalista na CRTVG, e Manuel Reices Vilar, redactor-corrector da Deputación Provincial de Pontevedra e vogal da CTNL.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, xa están dispoñibles para a súa consulta detallada no sección Proxectos premiados e tamén se difundirán a través das redes sociais da CTNL. Alén disto, nos próximos meses organizarase un acto público de entrega de premios.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Descargas

Noticias relacionadas