A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a cuarta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.
Estes premios naceron co fin de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Creáronse en 2019 e nas tres edicións anteriores recoñeceron vinte proxectos de normalización da lingua.
Con esta iniciativa, a CTNL procura valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido socialmente e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.
Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2019, 2020, 2021 ou 2022.
Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón campañas desenvolvidas nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos IV Premios Mil Primaveras (2022) proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.
Na edición de 2022 desaparecen as categorías en que se clasificaron os premios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.
No entanto, a falta de categorías non impedirá recoñecer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, pois o xurado poderá ter en conta proxectos novos ou estabilizados, dirixidos á infancia ou á mocidade, que traballen a promoción do galego nun ámbito sectorial etc.
Por outra parte, aumenta o número de anos de vixencia dos proxectos candidatos, pois poden presentarse proxectos desenvolvidos total ou parcialmente nos últimos catro anos: 2019, 2020, 2021 ou 2022.
A inscrición nos Premios Mil Primaveras é voluntaria e deberán realizala as persoas ou entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.
A inscrición de proxectos farase a través do formulario da pestana Inscricións, que inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto e da persoa ou entidade responsable, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf que describa en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:
Opcionalmente poden engadirse materiais que sirvan para completar e exemplificar a descrición técnica: máis fotos, ligazóns a vídeos, a arquivos de son e outro tipo de enlaces.
Non hai límite no número de candidaturas que pode presentar cada entidade ou persoa, sempre que cumpran as bases.
Os proxectos que resulten escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades ou persoas responsables.
Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo cos criterios que se establecen nas bases. O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en dinamización lingüística. Será nomeado pola CTNL e non poderán formar parte del promotores/as de accións candidatas.
Do 21 de setembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.
Foto de grupo do acto de entrega da primeira edición dos Premios Mil Primaveras (Pazo de Cultura de Pontevedra, 21 de setembro de 2019)
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e difusión das accións, campañas, programas e proxectos como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.
Tamén inclúen a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e nun lugar que se determinarán con suficiente antelación.
Os Premios Mil Primaveras creáronse en 2019 e recoñeceron na súa primeira edición os seguintes proxectos:
Foto de grupo do acto de entrega da segunda edición dos Premios Mil Primaveras (Teatro Principal de Pontevedra, 5 de xuño de 2021)
Na segunda edición os Premios Mil Primaveras foron para:
Foto de grupo do acto de entrega da terceira edición dos Premios Mil Primaveras (Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra, 11 de xuño de 2022)
A terceira edición dos Premios Mil Primaveras recoñeceu os seguintes proxectos:
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.