Os Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pechan o vindeiro 7 de xuño a súa sexta edición, convocada en 2024, co acto de entrega de galardóns.
Estes premios teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal é o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto, os seus obxectivos son:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organizamos un acto público de entrega de premios, que terá lugar o sábado 7 de xuño, ás 11.30 horas, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.
A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle os proxectos recoñexidos nesta edición xunto cos 28 premiados nas cinco anteriores.
No acto de entrega recoñeceranse os catro proxectos escollidos na edición convocada no pasado outono: Brazolinda (unha iniciativa empresarial de creación de xogos de mesa en galego), Galego para peques (un proxecto audiovisual dirixido á primeira infancia), Modo galego, actívao! (un programa integral de dinamización lingüística en diferentes ámbitos desenvolvido polo Concello de Ames e a Real Academia Galega) e Vitamina G (unha iniciativa educativa do CEIP Sagrada Familia da Coruña co galego como factor de integración e cohesión social).
O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) será o marco de entrega dos VI Premios Mil Primaveras, que terá lugar o sábado 7 de xuño ás 11.30 horas. Este evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.
A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.
O acto de entrega de premios será conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.
Fundou, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, a compañía Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comezou a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con seis espectáculos en repertorio para público familiar.
En 2022 estreou o seu primeiro espectáculo de narración para público adulto, Vicio houbo sempre. E en 2025 ten en escena Bailen as vellas. Os contos das cereixas, unha proposta de narración oral para público adulto xunto a Vero Rilo que reivindica a literatura, a música e a poesía de transmisión oral.
Combina o seu labor como produtora, creadora e intérprete na compañía Xarope Tulú co seu traballo interpretativo para outras profesionais das artes escénicas. Forma parte da Asociación Galega de Narración Oral (NOGA).
Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos VI Premios Mil Primaveras (2024), que consistirá nunha peza artística elaborada por Coas Mans Artenanía.
Este obradoiro de cerámica e vidro fai pezas que responden ao desexo de protexer e valorar o noso patrimonio cultural. A arte rupestre, a arte románica e a paisaxe son os elementos que inspiran moitos dos seus traballos.
As cores teñen un protagonismo especial no deseño das pezas. Suxiren vivencias, sentimentos, recordos, sensacións. A través da súa harmonía buscan espertar o sorriso en que as contemple.
Na sección Proxectos premiados deste web están dispoñibles os 32 proxectos escollidos polos xurados das seis edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.
Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.
Os VI Premios Mil Primaveras (2024) promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.