Iseo a Moura (foto: Concello de Pontevedra)
O pasado 13 de xuño, reunímonos no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra para celebrar o acto de entrega da sétima edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL. Colaboraron nos premios e na cerimonia de entrega a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.
Iseo a Moura veu do seu encanto para conducir o acto con narracións tradicionais, conxuros, trabalinguas e música. Coa súa maxia axudounos a invocar conxuntamente mil primaveras máis para a nosa lingua.
A seguir, a secretaria do xurado, Anxos Sobriño, presentou cada un dos proxectos recoñecidos nesta edición e os méritos valorados polo xurado:
Noemí García Rodríguez (foto: CTNL)
As chaves da lingua é un proxecto didáctico e divulgativo en liña creado pola docente Noemí García Rodríguez, que busca mellorar as competencias lingüísticas, fomentar a reflexión e valorizar a riqueza e utilidade do galego, combinando rigor e claridade cun enfoque práctico e accesible.
O xurado valorou a súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais. Tamén tivo en conta a variedade de persoas destinatarias, tanto galegofalantes que queren mellorar coma persoas que buscan achegarse á lingua. O seu enfoque práctico, próximo e comprensible facilita a aprendizaxe e a interacción e favorece que a calidade da lingua sexa maior. Por último, destaca que achega temas novidosos, potencialmente virais, que axudan a crear unha rede de persoas usuarias sempre pendentes dunha nova ensinanza ou curiosidade.
Entregou o Premio Mil Primaveras a As chaves da lingua Paula Soto Viñas, secretaria da CTNL. Recolleu o premio Noemí García Rodríguez, responsable do proxecto.
Representantes de Espazo Lectura (foto: Concello de Pontevedra)
Comando Le é un grupo de activismo cultural dirixido a adolescentes, concibido como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega. Forma parte da serie de iniciativas da Asociación Espazo Lectura para o fomento da lectura e da lingua dirixidas a diferentes idades, desde os bebés ata o público adulto.
O xurado salientou neste proxecto que consegue involucrar os adolescentes máis aló do ámbito educativo, usando a lingua galega nun contexto de lecer. As persoas destinatarias, que son un público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, participan voluntariamente e son asemade impulsoras e colaboradoras. Esta implicación entusiasta axuda a crear comunidade compartindo orgullo cos seus iguais e fortalece as relacións interpersoais en galego. Outro dos seus méritos é ser un programa replicable e adaptable a outros contextos, tanto desde a iniciativa asociativa ou como con impulso institucional.
Entregou o Premio Mil Primaveras a Comando Le Mónica Fernández Valencia, presidenta da CTNL. Recolleron o premio Yaiza Peixoto, Concha Costas, Cristina Álvarez, Marta Fernández Teo Rey e Julián Nacarino.
Mónica Reixía e Demetrio Gómez Xunqueira (foto: Concello de Pontevedra)
O Dépor é da Coruña é unha campaña derivada da iniciativa Aquí tamén se fala, ambas do IES Rafael Dieste da Coruña. Parte dun centro con moito alumnado con orixes fóra de Galicia e procura reforzar a estima polo galego a través dunha iniciativa de grande impacto social: a restauración do nome oficial ao Deportivo da Coruña, un cambio de gran relevancia no imaxinario colectivo da cidade herculina.
O xurado destacou a forza simbólica e a repercusión social fóra do centro educativo, levando a reflexión sociolingüística á sociedade coruñesa no seu conxunto. Cahmando á acción directa, colectiva e planificada, incide no sentimento de pertenza que xera o deporte para traballar a conciencia lingüística, e cnsegue amplificarse noutros centros educativos, en persoas referentes e na sociedade en xeral. Outro dos seus méritos é ser un exemplo óptimo da implicación do alumnado na identificación e planificación de obxectivos e no desenvolvemento de accións para acadalos.
Entregou o Premio Mil Primaveras a O Dépor é da Coruña Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra. Recolleu o premio Mónica Reixía, unha das docentes responsables do proxecto.
Representantes do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños (foto: Concello de Pontevedra)
Revolta Galega é un programa do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños que ten como obxectivo traballar a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, cunha programación gradual pensada para intervir durante todo o curso e en todas as etapas educativas. Procura o mantemento e o reforzo da lingua e o coñecemento de tradicións e referentes culturais que melloren o seu prestixio.
O xurado considerou un aspecto destacable deste proxecto que é un modelo integral de dinamización para todo o centro e en diferentes ámbitos: expresión oral e escrita, creación propia de contidos, relación coas familias ou tradicións. Por outra parte, é un programa que axuda a afianzar a lingua en contextos galegofalantes e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural, co fin de transmitir orgullo. O xurado considerou especialmente interesantes as accións que serven para dar a coñecer referentes galegofalantes de diferentes ámbitos, onde o propio alumnado participa activamente facendo entrevistas. Revolta Galega é ademais é un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos de contextos galegofalantes ou castelanfalantes.
Logo de reproducirmos un vídeo que nos fixo chegar o centro educativo para exeplificar o seu proxecto, entregou o Premio Mil Primaveras a Revolta Galega Inma Seage Freire, vogal da CTNL. Recolleu o premio unha representación da comunidade educativa do CPI As Revoltas.
Os trofeos e os diplomas (foto: CTNL)
Os catro proxectos premiados recibiron un diploma deseñado por Gende Estudio e un galardón identificativo dos VII Premios Mil Primaveras: unha peza artística de Artesanía Enxebre feita con nogueira, cerdeira e castiñeiro de Valdeorras, de podas sostibles. O galardón está formado por tres elementos con significado propio:
- O testo, torneado á man en madeira, representa a comunidade galega e o territorio como o chan do que medra a lingua. Na base leva pirogravada á man a lenda "VII Premios Mil Primaveras" e o nome do proxecto premiado.
- O talo está elaborado en latón, material que lle outorga elegancia e durabilidade ao conxunto, e representa o traballo de normalización lingüística, o esforzo invisible que fai posible o florecemento.
- A espiral coa flor central é o corazón do galardón, tallada en madeira. Nace grosa desde o centro e vaise afinando cara ao exterior, representando os dous movementos inseparables da normalización: a conservación cara a dentro e a expansión cara a fóra. A flor no centro é o florecemento da lingua, o obxectivo último de todo o traballo.
Os trofeos viñan tamén acompañados dun breve texto dedicado a cada un dos proxectos.
Artesanía Enxebre, de Valdeorras, é unha pequena empresa dedicada á fabricación e comercialización de produtos artesanais en madeira. As súas pezas caracterízanse pola calidade, exclusividade e durabilidade.
A madeira, a súa materia prima, ofrece infinitas posibilidades de deseño e creatividade. Comprometidos coa sostibilidade e o respecto polo medio natural, empregan nas súas pezas madeira procedente de bosques xestionados de forma responsable.
A CTNL escolle cada ano un obradoiro de artesanía diferente para a elaboración dos trofeos dos Premios Mil Primaveras.
Persoas representantes dos catro proxectos premiados (foto: Concello de Pontevedra)
Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta sétima edición xunto cos recoñecidos nas anteriores. Son en total 36 proxectos cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e doutros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.
Os VII Premios Mil Primaveras (2025) promoveunos e organizounos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL contou ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.