Novas

Segunda edición do Premio Ponteareas, Lingua e Empresa

15/ago/2020

Concello de Ponteareas convocou a segunda edición do Premio Ponteareas, Lingua e Empresa, unha iniciativa das concellarías de Cultura e Lingua e de Promoción Económica, co obxectivo de promover o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ponteareas, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego neste sector.

Como na anterior edición, establécense tres categorías:

  • traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas
  • uso continuado da lingua galega
  • incorporación recente ao uso da lingua galega

PARTICIPACIÓN

As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos con que conten.

As candidaturas deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Ponteareas, ben presencialmente, ben a través da sede electrónica, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 39/2015.

O prazo será de 20 días naturais desde o seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP de Pontevedra (BOP de Pontevedra do 14 de agosto de 2020), é dicir, até o 3 de setembro.

MÉRITOS QUE SE TERÁN EN CONTA

Terase en conta o emprego da lingua galega tanto na comunicación externa e relacional como de xeito interno ou de xestión, así como o ámbito de influencia ou impacto da actividade.

Deste xeito, o xurado valorará o emprego da lingua galega no sitio web se o ten, nas redes sociais, sinalética e comunicación, nas campañas publicitarias ou materiais promocionais, nas súas actividades, na atención á clientela, na comunicación interna co persoal ou a existencia de normas de usos lingüísticos que fomenten o uso do galego, entre outros aspectos.

XURADO

O xurado será nomeado pola Alcaldía do Concello e a súa composición anunciarase no taboleiro de anuncios e no web da entidade con anterioridade á súa primeira reunión.

PREMIO

O premio terá carácter de distinción pública e materializarase nunha figura exclusiva realizada polo escultor Silverio Rivas, sen que leve aparellado ningún beneficio económico.

Os premios serán entregados nun acto público.

PREMIADOS NA PRIMEIRA EDICIÓN

As empresas pontareás Industrias Cárnicas Fontefría, DIE Gabinete Técnico e Máis Vida foron as galardoadas na primeira edición deste premio, que tivo lugar en 2019.

 

Bases completas e máis información sobre esta convocatoria no web do Concello de Ponteareas.

 

Ligazóns

Noticias relacionadas