Novas

Retómase o prazo de inscricións nos II Premios Mil Primaveras

26/out/2020

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) retoma o prazo de inscricións nos II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, logo de interrompelo o pasado mes de marzo por mor da crise sanitaria e o estado de alarma. Os proxectos presentados no primeiro período de participación non terán que se inscribir de novo.

Estes premios creáronse co fin de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Para desenvolver esta iniciativa, a CTNL conta coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Con este recoñecemento, a CTNL busca valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido, e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidas total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020.

Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón proxectos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos II Premios Mil Primaveras proxectos recoñecidos na primeira edición.

 

Categorías

Os premios contarán con seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollerase entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.
  • Premio ao mellor proxecto novo: escollerase entre aqueles nacidos en 2018 ou despois.
  • Premio á mellor comunicación e impacto: escollerase entre aqueles que acaden un grande impacto social e que supoñan un modelo positivo de comunicación.
  • Premio ao proxecto máis innovador: escollerase atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollerase entre aqueles que teñen como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollerase entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

 

Quen debe presentar as candidaturas

As candidaturas deben ser presentadas polas entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

Alén disto, os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que se poden presentar, sempre que cumpran as bases.

 

Inscricións

A inscrición de proxectos debe facerse a través do formulario da pestana Inscricións pola entidade responsable da acción, campaña, programa ou proxecto.

O formulario inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf que describa en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:

  • Obxectivos xerais e específicos
  • Persoas destinatarias
  • Temporalización
  • Necesidades e recursos
  • Accións, medidas e actuacións concretas
  • Avaliación

Opcionalmente poden engadirse máis fotos, ligazóns a vídeos, a arquivos de son e outro tipo de enlaces, materiais todos que poidan servir para completar e exemplificar mellor a descrición técnica.

A inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios, sen que sexa preciso escoller categoría.

Os proxectos que resulten escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades responsables.

 

Novo prazo de inscricións

Logo da interrupción do prazo inicial para presentar proxectos, ábrese un novo período desde o 27 de outubro de 2020 até o 31 de xaneiro de 2021.

Os proxectos xa presentados no período inicial de inscrición manteranse como candidatos e non terán que inscribirse no novo prazo, salvo que as entidades responsables decidan modificalos ou actualizalos. Neste caso, terán que subir de novo o proxecto á plataforma e só se terá en conta a versión máis recente.

 

Recoñecemento e difusión

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.

Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.).

Así mesmo, se a situación sanitaria o permitir, organizarase un acto público de entrega, que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación.

 

A primeira edición dos Premios Mil Primaveras

No ano 2019 tivo lugar a primeira edición destes premios, que serviu para recoñecer seis proxectos de normalización lingüística que se poden consultar en detalle no web: Modelo Burela (IES Perdouro), Falemos de ti e min (IES de Soutomaior), Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), Proxecto Youtubeir@s (13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades), Eu presumo de galego (IES de Melide) e GCiencia.

 

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

Descargas

Noticias relacionadas