O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística resolveu a trixésima edición dos seus premios, que convocan a Asociación Cultural O Bardo e o Concello da Estrada. A Asociación Cultural Vagalumes e A Banda da Loba foron as entidades recoñecidas respectivamente nas modalidades de "A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes" e "Galicia enteira".
Asociación Cultural Vagalumes
A concesión á Asociación Cultural Vagalumes baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega, desde o ano 2009 ata a actualidade. Esta entidade promove e organiza conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, teatro, publicacións de libros e homenaxes en prol da normalización, da defensa e da difusión da nosa lingua.
Foto extraída do web de A Banda da Loba
A Banda da Loba
Despois de tan só dous traballos discográficos, Bailando as rúas (2017) e A Fábrica da luz (2019), A Banda da Loba é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. Caracterízase no aspecto creativo polo seu eclecticismo, unindo a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska. A súa identidade coma banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua.
Debido aos protocolos sanitarios, os premios desta edición entregaranse no transcurso dunha rolda de prensa, que terá lugar no Teatro Principal da Estrada o día 13 de novembro de 2020.