Tras a convocatoria aberta o 3 de novembro de 2021, co derradeiro día de xaneiro de 2022 finalizou o prazo para inscribir proxectos nos III Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Nesta terceira edición dos premios recibíronse un total de 23 candidaturas de servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, asociacións e outras entidades.
Das propostas candidatas, con moita variedade temática e de destinatarias/os, sete foron inscritas por servizos de normalización lingüística de entidades locais, cinco son accións desenvolvidas en centros educativos e 11 foron presentadas por outras entidades públicas e privadas (principalmente asociacións e empresas).
Entre as campañas presentadas, a maioría iniciáronse nos últimos tres anos (15), e en concreto 10 accións naceron no ano 2020. Hai tamén proxectos consolidados con ampla traxectoria, que pode chegar até máis de 10 anos.
Nos vindeiros días a CTNL nomerá o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta terceira edición. De acordo coas bases, estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación. O xurado escollerá as campañas de acordo coas seguintes seis categorías:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.
Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os 13 proxectos recoñecidos na primeira e na segunda edicións. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.).
Os III Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.