Novas

Resólvense os Premios Mil Primaveras de 2021

03/abr/2022

A terceira edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego recoñeceu programas que potencian a implicación das persoas destinatarias: familias, usuarias das redes sociais, alumnado ou educadoras/os. Son ademais proxectos que buscan asociar a lingua con valores positivos e atractivos (o xogo, o moderno e o innovador) e que procuran aumentar a presenza da lingua no ámbito do lecer.

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorarrecoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Establecéronse seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos
  • Premio ao mellor proxecto novo: escollido entre aqueles nacidos en 2019 ou despois.
  • Premio á mellor comunicación e impacto: escollido por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación.
  • Premio ao proxecto máis innovador: escollido atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

O xurado dos Premios Mil Primaveras, logo de avaliar os proxectos presentados a esta terceira edición, decidiu outorgar os seguintes premios: Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto novo), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador), Dicionario galego para boomers (como proxecto destinado á infancia e mocidade) e Media Laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

 

Do berce á rúa

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse Do berce á rúa, que desesenvolve desde 2010 o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón. O xurado salientou que foi un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego e serviu de modelo para un programa referente coma o Apego, co cal convive e coopera. Os seus recursos son útiles tanto para as familias como para o persoal de educación e grazas á presenza na rede é unha iniciativa que soborda os límites do propio municipio. O xurado destacou tamén a interesante e variada compilación de recursos audiovisuais para a infancia.

 

CantáMOLA en galego

Como mellor proxecto novo, o xurado escolleu o proxecto do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra CantáMOLA en galego, por ser un proxecto que aborda a necesidade de visibilización da música en galego de todos os estilos e por estar especialmente dirixido á mocidade. O proxecto desenvólvese en diferentes formatos, desde exposicións de diferentes tamaños a listas de reprodución e vídeos, e é unha iniciativa exportable a outras entidades. O xurado valorou tamén que sexa un proxecto que dialoga co ensino, facéndolle chegar recursos (entre eles, unha unidade didáctica) para que os centros educativos traballen co alumnado a riqueza musical en galego e asocien a lingua a un ámbito de gran valor para eles.

 

Twitter en galego e Instagram en galego

A mellor comunicación e impacto recaeu nesta ocasión en dous proxectos relacionados entre si: Twitter en galego e Instagram en galego. O xurado destacou que son proxectos efectivos, con alta repercusión social e nos cales se traballa de forma horizontal. Salientou tamén que son iniciativas que teñen incidencia no corpus, xa que asentan o léxico das novas plataformas en galego, e no status, pois, alén da demanda da versión galega das plataformas, promoven o emprego do galego polas persoas usuarias. Tamén valorou a capacidade de adaptación ás circunstancias, o seu grande impacto, que supera os 33 000 seguidores en Twitter, os 32 000 en Instagram e os 15 000 en Facebook, e que son referentes para outras iniciativas.

 

Somos xogo

Somos xogo, de Xandobela. Educación e Cultura, mereceu o premio ao proxecto máis innovador. O xurado destacou del que é un proxecto aglutinador, transversal, que achega a tradición á actualidade e que asocia a lingua a algo que valoramos positivamente, o xogo. O xurado tamén valorou que é unha iniciativa desenvolvida por unha empresa privada, que comparte contidos lúdicos e impulsa que se creen novos. Tamén se tivo en conta a colaboración co ámbito educativo e cos servizos de normalización lingüística e a promoción da nosa lingua no lecer e en espazos de socialización.

 

Dicionario galego para boomers

O premio na categoría destinada principalmente á infancia e á mocidade recaeu no proxecto escolar Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O xurado salientou que é un proxecto que dá protagonismo e papel activo á xente nova e vincula o galego non co pasado, senón co novo, o moderno e o máis actual. O xurado tamén destacou a eficiencia comunicativa a través das redes que manexa a mocidade e o coidado deseño. É ademais un proxecto que logrou crear interese dentro e fóra do ámbito escolar e axuda a levar o ensino da lingua alén da aula tradicional.

 

 

Media laranxa

O xurado escolleu como mellor iniciativa sectorial Media laranxa, por ser un proxecto que demostra que o galego pode funcionar en igualdade nos espazos de moda, neste caso a cociña e a gastronomía, con gran repercusión nas redes sociais, onde busca o diálogo coas persoas usuarias, principalmente a través de xogos. O xurado tamén valorou que consiga a colaboración de empresas e que poña en valor a riqueza dialectal, alén do emprego de soportes actuais, pois ten presenza en TikTok, Instagram e Facebook.

 

 

O xurado tamén quixo salientar a proliferación proxectos que teñen o galego como lingua vehicular, o que axuda a aumentar a presenza pública da lingua e a crear espazos de divulgación de diferentes contidos en galego, aínda que estes proxectos non teñan como obxectivo principal a promoción da lingua. Sen ser propiamente proxectos de normalización lingüística, son iniciativas encomiables e necesarias para lograrmos unha maior repercusión social do idioma.

O xurado da terceira edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, Nel Vidal Barral, docente no IES Rego da Trabe, de Culleredo, Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística dos concellos de Rois e Dodro, Fátima Rodríguez Ruibal, docente no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e Iolanda Fernández Casal, xornalista e responsable de comunicación da Real Academia Galega.

 

Recoñecemento e difusión

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, xa están dispoñibles para a súa consulta detallada no sección "Proxectos premiados" deste web. Tamén se difundirán a través das redes sociais da CTNL. Alén disto, nos próximos meses organizarase un acto público de entrega de premios.  

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Descargas

Noticias relacionadas