Novas

Pontevedra acolle o acto de entrega da terceira edición dos Premios Mil Primaveras

03/xuñ/2022

Os Premios Mil Primaveras, creados e convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en 2019, pechan o vindeiro 11 de xuño a terceira edición, co acto de entrega de premios. Teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Por tanto, os obxectivos destes premios son:

  • Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
  • Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
  • Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
  • Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

Estes galardóns non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organízase un acto público de entrega de premios, que terá lugar o 11 de xuño ás 11.30 horas na Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.

A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle os proxectos recoñecidos en todas as edicións dos premios.

 

Acto de entrega da terceira edición dos Premios Mil Primaveras

Nun acto conducido pola narradora María da Pontragha recoñeceranse os seis proxectos escollidos polo xurado nesta terceira edición: o portal Do berce á rúa, do SNL do Concello de Narón (como proxecto estabilizado), a campaña CantáMOLA en galego, do SNL do Concello de Pontevedra (como proxecto novo), conxuntamente as iniciativas Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), o proxecto Somos xogo, de Xandobela. Educación e Cultura (como programa máis innovador), o proxecto Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo (como proxecto destinado á infancia e a mocidade) e a iniciativa Media Laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

A Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra (rúa de Santa Clara, 16) será o marco de entrega dos III Premios Mil Primaveras, que terá lugar o sábado 11 de xuño ás 11.30 horas. É un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da igrexa.

 

Trofeo identificativo e diploma

Os seis proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos III Premios Mil Primaveras, que consistirá nunha peza artística.

As Lolas da Cascarilla son as creadoras dos trofeos da terceira edición dos Premios Mil Primaveras. Para a súa elaboración empregaron madeira e folla de millo. A semente, esfolla e preparación da folla de millo son feitas de xeito totalmente artesanal, apostando polo apoderamento da muller rural e a recuperación tradicional, ademais de mostrar un total respecto tanto no proceso de obtención da materia prima, como no coidado do contorno que a prové, poñendo especial coidado en non xerar residuos.

 

Difusión dos proxectos premiados

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polos xurados das tres edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet. Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL pretende que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.

 

Os III Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas